QUE ESCOITAMOS?

Arrieiros somos. Cuarteto Caramuxo

Volve o Cuarteto Caramuxo, volven os clarinetes con formación, ademais de clásica, folkie-klezmer. E volven con Arrieiros somos, un traballo tan impecable coma o anterior Tiruriru, que tan prendados nos deixara aos seus seguidores e seguidoras. Apóianse para elo nos apuntamentos para a tese de doutoramento de Xabier Grova de pezas que non foran incluídas na coñecida publicación de Filgueira Valverde do cancioneiro de Casto Sampedro. Un traballo coma Tiruriru deixaría o listón moi alto pola súa alta dose de frescura para enfrontarnos a Arrieiros somos (Nakra, 2015); mais se ben é certo que non ten a mesma capacidade de sorprender, o que si ten é unha madurez, traballo e esmero que me fixo engancharme tanto como ao primeiro cedé. 

O que non volveu foi o cálido e persoal acordeón de Alonso Caxade, mais este cambio lidérao Marcos Padrón, tan válido coma o anterior e que dá vida ao seu instrumento empastando estupendamente co cuarteto e coa percusionista Patricia Cela, da que me declaro altamente seareira.

Namorei da amalgamada Muiñeira nova con retranca, da doce Mazurca de Laroá e, en definitiva, de todas as pezas agás, curiosamente, de Arrieiros somos: na miña opinión cunha liña estética experimental que desentoa demasiado co resto das pezas e que, ademais, me parece moi dura de escoitar; de feito cando aparece no meu reprodutor pásoa automaticamente. 

Sexa como sexa, se vos gustou Tiruriru, gustaravos este segundo cedé, con melodías e arranxos interesantísimos. A min tenme embelesada e recoméndovolo encarecidamente. 

“Arrieiros somos e levamos cargamento de vellas melodías esquecidas que permaneceron máis dun século durmidas na partitura e que reviven actualizadas para ser gozadas, bailadas, sentidas novamente”.