MÁIS

Atardece que non é pouco

Ermida do Porto en Meirás, Valdoviño (Ferrolterra). (Foto: AQuemarropa)
Un paseo da man de destacados solpores

Se hai un plan característico do verán é observar a caída do sol no litoral da Galiza. Sexa soa ou só ou en compañía, é senlleira a beleza das costas e as cores destes ceos estivais, sobre todo, nesta época na que temos máis tempo para desfrutalos. Entre os posíbeis puntos nos que observar o solpor pódense citar algúns especialmente fermosos como o dos cantís de Vixía de Herbeira, entre Cariño (Ortegal) e Cedeira (Ferroltera), os cuartos máis altos de Europa, que cos seus 613 metros permiten divisar a caída do sol e a praia de area negra de Teixidelo, ao pé da Vixía. Tamén o areal da Frouxeira e Meirás, en Valdoviño (Ferrolterra), debe ser tido en conta pois, ademais de contar cunha extensión importante de 3 km (o maior do litoral galego), ten na pequena ermida do Porto un lugar idóneo para ver a posta de sol aínda que o acceso a ela desaparece coa marea alta. 

Continuando co misticismo dunha postal de santuario hai que sinalar na Costa da Morte a panorámica desde a Barca de Muxía (Fisterra), que supuxo durante séculos o final de etapa das e dos peregrinos que, tras visitar o apóstolo, dirixíanse a Finis Terrae para renderse ao pé da virxe. Agora, tamén é factíbel achegarse a ela para ver como esvaece o día tanto alí como no cabo Touriñán, que é durante dous meses ao ano o último lugar da Europa continental no que se pon o sol (desde o 18 de agosto ao 19 de setembro). 

Outro lugar interesante está baixando cara ao sur. É o Monte Pindo, en Carnota (Muros), que, coñecido como o Olimpo Celta, ofrece cunha altura de 627 metros vistas á súa praia homónima. Por último, entra a colación a segunda praia de maiores dimensións da Galiza, a Lanzada, no Grove (O Salnés), unha paraxe de 2,4 km na que observar como o día se perde no Atlántico, demostrando que os finais tamén poden ser fermosos, todo depende de como e onde pasalos.