Un ateigado Teatro Rosalía lembra Luísa Villalta no 20 aniversario do seu pasamento

Salientan a actualidade da obra da autora homenaxeada o 17 de Maio.
Marga do Val intervindo no acto, onte, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marga do Val intervindo no acto, onte, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

O Teatro Rosalía de Castro na Coruña acolleu esta cuarta feira un emotivo acto polo vinte aniversario do pasamento de Luísa Villalta. No mesmo escenario no que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) adoita lembrar Villalta desde o seu falecemento en 2004, o público voltou esta cuarta a ateigar unha homenaxe que este ano tivo o engadido de ser a autora elixida pola Real Academia Galega (RAG) no Día das Letras 2024. O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, deu comezo ao acto conducido por Beatriz Maceda. Sánchez reivindicou Villalta pola “súa obra, a súa persoa e o seu compromiso”. Homenaxeada nas Letras Galegas 2024, unha muller “cun compromiso inequívoco polas máis desherdadas da sociedade”.

A música, unha das paixóns de Luísa Villalta, foi fío condutor dun emotivo acto coas interpretacións musicais do violinista Florian Vlashi e de César Morán. A súa obra literaria tivo especial protagonismo. Foron as súas amigas e compañeiras de oficio na literatura as encargadas de pór voz á súa obra. Todos os textos foron escollidos co maior dos agarimos e as lembranzas.

Marga do Val leu o poema “Materia de Alexandre Bóveda”. que ela mesma lle encargou para un congreso en novembro de 2023 en Pontevedra. Tamén Marica Campo, amiga persoal de Villalta, puxo a emoción enriba do escenario coa lectura do poema “Debilidade”, que elixiu pola vixencia do texto (dedicado á loita de Palestina) e polos recordos. En febreiro de 2004 Villalta preparou este texto para un acto en favor de Palestina organizado pola Fundación Araguaney. Marica Campo dixo que “este foi o derradeiro poema que lle escoitei a Luisa, morreu aos poucos días”.

Ana Romaní, Antía Otero, Daniel Asorey, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval, Henrique Rabuñal, Marta Dacosta, Miro Villar e Pilar García Negro fixeron o propio nesta homenaxe na Coruña a unha das súas veciñas máis recoñecidas e comprometida.

Sinalou esta cuarta feira Marica Campo a Nós Diario que en febreiro de 2004 en Compostela visitou con Luísa as oficinas de Acción contra a Fame. Alí resolvemos facer escritores e escritoras da AELG o Camiño de Santiago desde o Cebreiro e logo escribir un libro para doar o que se recadara a esta organización. “Luísa non puido facelo, morreu días despois pero dalgunha maneira nos acompañou todo o Camiño”.

A homenaxe destacou a “actualidade” da obra de Villalta, temas coma a prostitución ou Palestina son apertura de informativos. “Agora comeza o longo percorrido da súa obra”, sentenciou esta cuarta feira Cesáreo Sánchez.

Comentarios