O encontro 'Rosalía en Camiño' aposta pola poesía da Península

Bernardo Atxaga (Foto: Nós Diario).
As xornadas poéticas multilingües que organiza a Fundación Rosalía de Castro apostan esta edición por poetas da Península.

As xornadas poéticas multilingües 'Rosalía en Camiño' chegan este ano á súa quinta edición cun programa no que participarán Bernardo Atxaga (Euskal Herria), Pol Guasch (Catalunya), Andrea Nunes (Galiza), Miguel Rodríguez Monteavaro (Asturias), Andrea C. Faria (Portugal) e Brenda Mondelo (Galiza).

Con Chus Pato novamente como comisaria, os recitais decorrerán na Casa de Rosalía en Padrón  (O Sar) e no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) entre o 6 e o 8 de xuño. 

O evento incluirá, alén de recitais, conversas coas autoras e cos autores convidados. O programa rematará o 8 de xuño cun espectáculo de poesía, música e imaxe en galego de Asturias dirixido polo poeta Miguel Rodríguez Monteavaro, canda o artista sonoro Andrés Rodrigues e o cineasta Iván Torres.

Ademais, como cada ano, a Fundación Rosalía publicará un libro con poemas de cada autor, incluíndo un texto en diálogo con Rosalía de Castro, que as persoas que asistan poderán levar de balde. 

Cita internacional 

Nesta ocasión o encontro poético reitera a súa aposta pola internacionalización, agora na Península. Por este motivo no programa figura Bernardo Atxaga (Asteasu, 1951), o buque insignia da literatura vasca, con obras escritas orixinalmente en éuscaro, como Obabakoak ou O fillo do acordeonista.

Desde Portugal chega Andrea C. Faria (O Porto, 1984), una destacada poeta nova que ten entre as súas creación Tão bela como qualquer rapaz (Língua Morta, 2017), merecedora do Prémio SPA Poesia.

Outro dos participantes é Pol Guasch (Tarragona, 1997), autor de Napalm al cor (Premio Llibres Anagrama de novela 2021), una obra traducida a múltiples idiomas. Fecha a presenza internacional Miguel Rodríguez Monteavaro (Bual, Asturias, 1980) que, ademais de poeta, é músico.