Azou, novos azos na defensa da lingua e a cultura en Ribadeo
Azou é unha expresión propia de Ribadeo. “Tes o azou” significa ter nervio, inquietude. Inquietude pola lingua e a cultura é o que une a esta nova asociación que bota a andar un 6 de decembro, data que só celebra co seu manifesto “Defender a Alegría”.
Din que o Día da Constitución non ten carácter festeiro para galegos e galegas e, por esa razón, decidiron que a única celebración que a data merece é a do seu manifesto “Defender a Alegría”, o documento fundacional co que bota a andar este colectivo de mozos e mozas de Ribadeo e tamén de Barreiros que decidiron organizarse na asociación Azou.
Cun acto de presentación público, Azou quere ser “un colectivo autoxesionado, cunha perspectiva nacionalista, de esquerdas e feminista, que traballe pola lingua e a cultura do país”, segundo a presidenta Ana Fernández. Como primeiras accións celebrarán un ciclo de literatura subversivas na que as primeiras participantes serán as escritoras Teresa Moure -o día 14 de decembro- e xa en xaneiro María Reimóndez.
“Traballamos por unha Galiza de esquerdas, soberanista, defendendo a nosa cultura e a nosa lingua”, apunta Ana Fernández, para concentrar os obxectivos principais recollidos no manifesto.
De Bob Marley a Mariví Villaverde
“Tomamos clara e abertamente partido: República Galega. Soberanía desde o pobo, democracia real, dereitos sociais e nacionais, liberdade. Recoñecémonos no mundo que está por construír: nos feminismos, na diversidades cultural, lingüística, sexual, no ecoloxismo, no respecto fronte á tolerancia, na xustiza fronte a caridade, na creatividade activa fronte ao consumo pasivo”, defende o manifesto fundacional, un texto inzado de referencias que van desde a música de Bob Marley ás leccións de Castelao, das habaneras de Ribadeo á dignidade de Mariví Villaverde ou Dora Carcaño, e no que as cores vermella, verde, lila, azul e branco debuxan o seu horizonte.
“Hoxe, neste escenario de decrepitude total do sistema, coa política convencional rendida a