Bad Religion e Cock Sparrer 30 de maio en Compostela: o vello punk aínda sabe cuspir

Os estadounidenses e os británicos figuran por méritos propios na historia do rock abrasivo. Iso si, en diferentes niveis e cada un ao seu xeito.

Bad Religion naceu na soleada Los Ángeles a inicios dos 80 e axiña adozaron o punk hardcore primixenio cuns toques máis melódicos para envolver letras coas que poñer na picota relixión, política e o ‘American way of life’. Catro décadas despois, mantéñense nas mesmas, a saber se cansos ou non de ver como nestes anos abrollaron miles de grupos seguindo o seu sendeiro, de Offspring a Green Day, por citar só dúas referencias coñecidas.

Cock Sparrer éche outra cousa. É o East End de Londres dos 70 e é orgullo de clase obreira pasado polo punk-rock contundente, o OI! mais tamén con chiscadelas a outras trincheiras do rock. Polémicos, por (bastantes) veces violentos. Todo un mito do punk británico.

Ambos os dous van estar en Compostela en 30 de maio, na xira dos Bad Religion para celebra os seus 40 anos de vida. Será canda otros catro grupos no Multiusos de Sar. Esta sexta feira, 20 de decembro, ás 11 da mañá sairán á venda as entradas cun prezo de lanzamento de 39 euros para as 1.000 primeiras, que despois aumentará a 44 euros.

Así o anunciou Fernando Gómez, da produtora Bring The Noise, nunha rolda de prensa. Nela explicou que o evento consistirá nun "minifestival" cun total de seis artistas nacionais e internacionais -Bad Religion, Cock Sparrer, Talco, Desakato, Blowfuse e Bastards on Parade-.

Subliñou que Bad Religion é unha das "principais bandas do punk-rock a nivel mundial", polo que pensa que será "moi bo para a cidade". Considera ademais que será un evento "moi viral", por contar con moitos artistas internacionais.