MÁIS

A Bandeira, xantar e bailar

Centos de empanadas participarán no concurso e na anual poxa da Bandeira, en Silleda. (Foto: Asociación Amigos da Empanada)
A empanada leva medio século sendo raíña do Deza.

Hai 50 anos, varias amigas e amigos decidiron xuntarse na carballeira da Bandeira (O Deza) para compartir unha xuntanza marcada pola ledicia e, como non, polas empanadas. A idea botou raíces, facendo que a Festa da Empanada da Bandeira sexa unha das citas gastronómicas e musicais que fecha a tempada de verán. 

Máis de 30.000 persoas pasarán pola vila desde o vindeiro 21 de agosto até o día 25. O tributo á empanada comezará na cuarta feira coa ruta da empanadilla polos bares da vila, continuando o día seguinte coa da empanada. O sábado celebrarase ás 12.30 o concurso deste prato típico da nosa gastronomía. Haberá tres categorías (profesional, amateur e infantil) nas que as persoas participantes poderán conseguir premios, como á mellor empanada do país, á máis orixinal, á máis tradicional ou aáque posúe mellor masa. Valorarase a presentación e o sabor do produto. As gañadoras pasarán á poxa popular, sendo os fondos destinados a fins culturais e sen ánimo de lucro. 

Desde hai anos, a Festa da Empanada engloba no seu cartaz dúas citas musicais ineludíbeis na axenda festivaleira. Por unha parte, o Bandeirock, que se celebrará no serán da vindeira quinta feira. Contará coa actuación de Lamatumbá, Agoraphobia e Señora DJ, entre outros. O lado máis enxebre da Empanada vén da man do Esmorga Folk, creado a finais dos 80 pola mocidade da Bandeira, buscando que a música do país non esmorecese.

Ailá, O Rabelo ou Xirandola son algunhas das propostas programadas para a noite do 23 de agosto. Torneos deportivos, xogos tradicionais e actividades para as crianzas non han de faltar tampouco nesta Festa da Empanada.