Beatriz Albaladejo: "Neste momento é complexo mover exposicións ou eventos en todas as expresións artísticas"

Beatriz Albaladejo
Licenciada en Belas Artes, Beatriz Albaladejo rexenta dende 2014 o seu propio taller-galería. Na súa obra, destaca unha grande influencia das vangardas artísticas do século XX, que exemplifica a través da representación figurativa. O pasado sábado, a artista inaugurou en A Coruña a súa exposición 'Musichroma'.

Como foi a acollida da exposición?

Foi moi boa. O sábado na inauguración había bastante xente que se pasou ao longo da xornada. Contamos con dj’s tamén, por iso de que é unha obra que está estreitamente relacionada coa cuestión musical e, mentres se contemplaban os cadros, soaban eses temas nos que están inspirados os mesmos. O ambiente foi moi bo e estou bastante contenta co resultado.

De onde xorde a inspiración elaborar estes cadros?

A exposición ten ese nome, Musichroma, porque ten que ver coa inspiración que me vén coa música á hora de poñerme a pintar. Neste caso, a serie que compón a exposición, cada cadro está relacionado cunha canción en concreto. Cada canción, encadradas principalmente na música electrónica, é a fonte de inspiración para cada un dos distintos cadros.

A escolma das cancións ven dada polo xeito particular no que se achegan a min cando as escoito ou as descubro, entón chego a obsesionarme un pouco con elas. Segundo o que me expresa a min a música emprego unha tonalidade ou outra. É como se a propia canción me dixese o ton que debería empregar, como se tivera a capacidade para ver a súa tonalidade en cor. A exposición reúne a obra que fun sacando ao longo deste ano, que a nivel persoal supuxo a chegada de cambios importantes e vese bastante reflectido nas pinturas,.

Cal foi o proceso de creación das pezas?

Ten que ver moito co impulso. Escoito algo que de súpeto me toca moito e sinto a necesidade de trasladalo ao lenzo. Entón, mentres o escoito unha soa vez, preparo un bosquexo, que logo é o que traslado ao cadro final. Tampouco son cancións que escollese a propósito, senón que saen quizais sae dalgunha serie que vexo e dunha idea que se me ocorreu poñer en práctica, saíu de maneira espontánea. Véuseme á cabeza e deixeime levar, funo creando. Non é que tomara directamente a decisión de levar a cabo a serie. Logo, cando tiven preparadas un par de obras si que lle fun dando forma e ocorréuseme preparar o proxecto da exposición.

Como definiría o seu estilo?

A verdade, non sei se existe un estilo determinado onde poder encadrar a miña obra. Pode gustar máis ou menos, pero ten de particular que é diferente. De todos os xeito si que conta con influencias do cubismo e o futurismo, marcada bastante polas vangardas do século XX. Ao longo destes anos atopei esta linguaxe na que me podo expresar e encadrar as miñas creacións.

Dende o 2014 leva o seu propio taller artístico, que labores desenvolve nel?

Nestes últimos anos e dende que teño o taller foi cando lle fun dando forma ao meu estilo persoal e á linguaxe expresiva que emprego na pintura. Tamén está exposta a miña obra de maneira permanente e dou clase a cativos e adultos. Hai moitas crianzas que teñen interese e é moi bonito trasladarlles a aprendizaxe, así como xente maior que decidiu integrarse agora e é un pracer ensinarlles.

Cal cre que é a situación actual da escena artística galega?

Eu creo que neste momento, en todas as expresións artísticas é complexo poder mover exposicións ou eventos, pero imaxino que lle está a afectar a máis sectores de mesmo xeito. Nese sentido, a escena vai tirando como pode. Si que é certo que a xente durante este último ano, que tivemos que quedar na casa en moitas ocasións, aproveitou para sacar adiante bastantes iniciativas e iso está moi ben.

Si que é certo que se potenciou a creación, quizais precisamente por ese feito de estar máis na casa. No meu caso tiven un ano de produción moi bo por unha serie de circunstancias persoais. Si que considero que non foi un mal ano para min, en xeral.