MÁIS

Betanzos volve á época medieval

A Revolta Irmandiña na Feira Franca Medieval de Betanzos. (Foto: Feira Franca de Betanzos)
A Feira Franca Medieval comeza esta noite en Betanzos a súa XXV. O encontro suma xa un cuarto de século e presenta un programa cheo de actividades e espectáculos de todo tipo. As rúas da zona histórica da vila envolverán as persoas asistentes no ambiente do século XV durante os próximos catro días.

Betanzos leva desde 1998 viaxando no tempo, sempre durante o mes de xullo. É a súa forma de encetar o verán e glorificar así o seu pasado histórico. Nun tempo, esta pequena vila do norte foi a capital dunha das antigas sete provincias da Galiza, até declararse a división actual en 1833. Este recoñecemento reflectíase en diversos factores, como un porto conectado con diversos puntos do estranxeiro e con constantes entradas e saídas de mercancías. As orixes desta celebración tamén mostran a grandeza da vila, xa que non todas podían gozar do dereito de ter unha Feira Franca,  un mercado de un mes de duración e libre de impostos e tributos que, daquela, se celebraba no mes de novembro.

A Feira Franca conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico da Galiza desde 2013. Por mor das 25 edicións, a feira terá un día máis de duración. De quinta feira a domingo, as rúas estarán cheas de postos de artesanía, actividades varias e representacións históricas.

A feira como símbolo

Betanzos é referente da Galiza coa súa feira medieval. Para conmemorar a súa longa traxectoria, a organización decidiu alongar o encontro un día máis. Comezará oficialmente mañá, pero esta tarde, ás 20.30 horas, terá lugar a representación da obra poética O Tratado dos Meses. O grupo de teatro Noite Bohemia será o encargado de representala na igrexa de Santa María do Azougue. É a primeira vez que se interpreta no país. Trátase dunha rebelión por parte dos meses do ano contra xaneiro, o seu xefe. Cada mes representa as actividades propias dese punto do ano, como a matanza ou a sega. A orixe desta alegoría atópase nun calendario agrícola pertencente ao capitel da propia igrexa na que se representará a obra. 

Ducias de persoas voluntarias colaborarán durante esta fin de semana co Concello de Betanzos para desenvolver esta nova edición da feira. Durante toda a festividades haberá pasarrúas  e actuacións de diferentes grupos de música. A partir da tarde da quinta feira estarán abertos os postos de artesanía, que ofrecerán as súas manufacturas até o remate da fin de semana. Tamén se abrirá o recuncho infantil, presente durante todas as xornadas, e os obradoiros demostrativos de oficios tradicionais. Ás 20.30 horas, celebraranse as Danzas Gremiais de mariñeiros, labradores, xastres e zapateiros, que decorrerán na praza dos Irmáns García Naveira. Xa pola noite, o grupo Yemaya ofrecerá un espectáculo de pirotecnia, bailes e malabares na praza 
da Constitución.

A xornada da sexta feira transcorrerá de maneira similar até as 21 horas, cando entre o Sr. de Andrade na praza da Constitución. Este famoso cabaleiro recibirá as queixas e pedimentos de nobres e campesiños.  José Raimundo Núñez-Varela e Lendoiro, historiador e investigador, será o encargado do pregón deste ano. Pola noite, representarase o incendio da cidade do século XVI na praza dos Irmáns García Naveira. 

As representacións do sábado comezarán coa chegada dos mouros ao mando de Yussuf Hammar. Ás 19 horas comezará a Revolta Irmandiña. Representa a loita de nobres e plebeos contra o señor feudal do momento, Nuno Freire de Andrade. Estará seguida de danzas campesiñas e bailes folclóricos. Durante a noite, haberá diferentes espectáculos e concertos, como o mago González no adro de Santa María ou Kote Malabar na praza da Constitución. A xornada rematará cun espectáculo de pirotecnia e lume.

O última día da feira representarase a expulsión dos leprosos. O historiador Ángel Arcay, director da Biblioteca, do Arquivo Municipal de Betanzos e do Museo das Mariñas, destaca que é unha das representacións máis interesantes de ver. Trátase dun feito histórico destacado da cidade cunha caracterización impactante. Ás 18 horas comezará o Torneo Medieval a cabalo na praza dos irmáns García Naveira. O último espectáculo desta edición será unha danza de mouras por conta das mozas voluntarias e colaboradores da organización da feira. 

Betanzos Capital

Para dar a coñecer o pasado da localidade creouse este ano Betanzos Capital: os segredos do Betanzos Medieval, unha serie de vídeos que amosan a grandeza da vila durante a época medieval. A docuserie foi producida por Marma S. Coop. e conta coa colaboración do propio Arcay e doutras historiadoras e historiadoras da contorna, como José Ángel Paz, Elena Carro ou Andrea Rivera, entre outros. Foi un dos gañadores do II Certame de Fondos de proxectos culturais Reino da Galiza, promovido pola Deputación da Coruña.

Os oito vídeos narran diferentes episodios históricos, curiosidades sobre a vila ou presentan diversos personaxes destacados da contorna. Con este documental, as colaboradoras e colaboradores buscaban que a veciñanza puidese coñecer anacos da súa historia  en profundidade e explicar recunchos e edificios da vila que agochan un pasado de grande importancia. "Betanzos é agora unha vila pequena, pero nese punto da historia era a capital dunha das sete provincias galegas. O territorio de Betanzos chegaba até o norte da Galiza e era un lugar escollido por moitos nobres", lembra Arcay.

No primeiros dos vídeos, o historiador afonda nas orixes da vila de Betanzos, que non sempre estivo na súa localización actual. O resto de entregas explican puntos destacados da vila, como o edificio do Arquivo, o gran porto da cidade ou os segredos que se agochan nos túneles subterráneos. Tamén se analizan figuras coñecidas e non tan coñecidas do Medievo. Por unha parte, explícase a importancia de Fernán Pérez de Andrade, gran cabaleiro, o máis coñecido do norte da Galiza. Con todo, preséntase unha parte descoñecida del, como toda a simboloxía que agocha a igrexa na que descansan os seus restos. 

Por outra parte, a historiadora Sara Fraga debulla as Revoltas Irmandiñas e mais as figuras de Afonso de Carballido e Clara Sanches, personaxes aínda descoñecidos para gran parte da veciñanza de Betanzos. Arcay afirma que este documental será de grande utilidade para ilustrar as visitas ao museo e explicar de forma sinxela aspectos da historia da vila. Teñen o seu lado interactivo, xa que animan o público a percorrer recunchos agochados na vila.