CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Black Mirrors: Funky Queen

Se a memoria non me falla, e ben creo que aínda no o fai, dende Plastic Bertrand, non houbo nada que me chamara a atención do panorama musical belga. Nada, até hoxe, cando, sen saber como, chegou ás miñas mans Funky Queen, o debut de Black Mirrors.

Black Mirrors é unha banda que chega de Bélxica cun son setenteiro e lisérxico  mesturado con toques de rock, aínda que ben podería dicir stoner, co que conseguen ese balance entre clásico e moderno que fai que o seu traballo non pase desapercibido.  O primeiro que me chamou a atención foi a voz da súa cantante, Marcella Di Troia, cuxa forza e garra amosa que claramente bebeu das fontes de Janis Joplin. No mesmo xeito, musicalmente, a banda non pode negar as influenzas, claramente marcadas nos seus temas, de artistas como Led Zeppelin, Jimmy Hendryx, MC5 ou, xa entrados nos 90, Queens of the Stone Age.  

Xa o tema que abre este EP, Funky Queen, se converte nun puro single, deses que che entran na cabeza para ficar nela e non deixarte indiferente. Gran parte téñena uns coros que xa de inicio e case como se non fora parte da canción, van preparando o paso á poderosa voz de Marcella que se erixe como a auténtica protagonista. Sorprende que o seguinte tema, sexa unha versión do Kick Out The Jams  de MC5. Nun EP de presentación ao mundo da banda, pode parecer como que están faltos de ideas, para incluíla. Tamén sorprende por ser un tema versionado até a saciedade por bandas de renome como Presidentes of The USA ou Rage Against the Machine, mais conseguen levalo ao seu terreo e darlle unha volta moi lograda, malia que non deixa de ser unha versión.

The Mess recende blues rock  dos 70 polos catro costados. Unhas guitarras cuns riffs moi ao estilo de Hendrix, cunhas harmonías sinxelas e lisérxicas con cambios rítmicos, convérteno no tema máis auténtico deste plástico e que prepara para Canard Vengeur Masquè, un blues lento de corte clásico que durante máis de cinco minutos crea esa atmosfera mística que só se crean moi de cando en vez.

Excelente traballo de presentación desta banda, que promete facerse un oco entre os grandes. Veremos como evolúen e se son capaces de manter o nivel deste EP e non se converten nun one hit wonder, o que sería unha mágoa.

 

BLACK MIRRORS NAS REDES

Facebook: http://www.facebook.com/blackmirrorsmusic

Twitter: @BlackMirrorsmus

 

LISTAXE DE TEMAS

1. Funky Queen

2. Kick Out the Jam

3. The Mess

4. Canard Vengeur Masqué