MÁIS

A boa filla da raia mollada

A illa da Fillaboa é a única de propiedade pública dentro do río Miño. (Foto: Concello de Salvaterra de Miño)
A medio camiño entre Galiza e Portugal.

O Miño é desde o principio dos tempos un símbolo de irmandade entre o pobo galego e o portugués. As súas augas corren sinuosas formando unha fronteira natural da que a xente da raia fai pouco caso. A zona na que o Miño conecta co Tea, o seu afluente, é fogar da Illa da Fillaboa, situada en Arantei, concello de Salvaterra de Miño (O Condado). Este último está irmandado con Monçao, municipio portugués célebre  pola calidade do seu viño. Fillaboa conta cunha superficie menor a un quilómetro e, con todo, é a máis grande das illas situadas na embocadura do Tea. Ademais, é a única do curso do río Miño de titularidade pública, xa que é propiedade do Concello de Salvaterra. 

Sitúase a quilómetro e medio do parque da Canuda, desde onde parte unha senda peonil para chegar até ela. Con todo, Fillaboa só é accesíbel cando baixa o nivel das augas e, polo tanto, as estacións máis propicias para cruzar son verán e outono. Existe un proxecto para construír unha pasarela do cal o concello está a valorar a súa viabilidade. Hai uns anos edificouse na illa un centro de interpretación da natureza con carteis explicativos da contorna, pero fica fechado e sen utilidade aparente.

A illa de Fillaboa atópase na embocadura das augas do Tea no río Miño

Fillaboa atópase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do Baixo Miño, incluído na Rede Natura 2000. En 2021, a illa formou parte do proxecto "Visit Río Minho", do que se beneficiou o Concello de Salvaterra, a través da Deputación de Pontevedra, da man da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño. Os orzamentos serían investidos na preservación e valorización de 26 municipios galegos e portugueses que beben do Miño. O obxectivo era a capitalización do río a través de actividades de preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos do río asociados á súa promoción como destino turístico. En Fillaboa realizouse a replantación de especies autóctonas da contorna, como carballos, amieiros, loureiros e freixos, entre outros.

Mirar a incríbel paisaxe

No concello de Salvaterra de Miño (O Condado) atópanse dous incríbeis miradoiros. Un deles localízase sobre o río Miño, ofrecendo unha panorámica única da paisaxe. Por outra parte, na parroquia de Pesqueiras, a cinco quilómetros do centro de Salvaterra, áchase unha espectacular vista á beira da ermida da Asunción.

A ciencia do Viño

O Museo da Ciencia do Viño amosa a historia da viticultura na Galiza, ademais de explicar os labores relacionados coa vendima. Sitúase no Castelo de Dona Urraca, construído nos séculos X-XI e Ben de Interese Cultural desde 1949. O Condado é unhas das zonas de referencia do viño Albariño. 

Ruta Pacega 

Salvaterra de Miño posúe un feixe de pazos que conforman unha excepcional Ruta Pacega. O de Fillaboa é un dos máis emblemáticos da contorna. Data do século XVI e dentro del atópanse 50 hectáreas dedicadas ao cultivo do Albariño. Na mesma época foi construído o pazo Torre de Petán, de conservación desigual, ao pertencer na actualidade a tres familias distintas. Quizás o edificio que posúe a distribución máis curiosa é o pazo de Lira. Posúe unha planta en forma de "L". No ángulo ten unha torre cadrada con cuberta a catro augas e adornada con gárgolas e co escudo familiar. É a parte máis antiga do pazo.