Brath presenta o seu último disco "Códex" no Teatro Colón

eloi

Con máis de trinta anos de traxectoria, Brath, a banda liderada por Eloi Caldeiro regresa con “Codex”, un novo traballo que presenta no Teatro Colón da Coruña esta sexta feira, día 20, ás 20.30 horas. Os sons celtas achéganse desta volta ao flamenco. 

Con “Codex”, Brath fai unha ducia de discos desde a súa fundación en 1980. Desde aqueles inicios, continúa a se presentar como “banda de música celta”, e daquelas orixes é que tomou o nome. O novo álbum remite ao mito de Fisterra e Compostela e na súa promoción, destacan que,desta volta, a música celta achégase ao flamenco con máis intensidade aínda da que se aventuraba nos últimos tempos. Por esta razón, á agrupación incorporouse Alberto Lucena, guitarrista andaluz que aporta os sons do flamenco aos sinais de identidade de Brath. 

Alén do flamenco, Brath evoca sons da música africana, árabe ou medieval para poñer música ás letras escritas por Eloy Caldeiro, e que percorren os distintos camiños dos verdadeiros viaxeiros que buscan o fin da terra. “A terra derradeira”, arredor do camiño de Compostela a Fisterra, ou “Campostellum”, dedicada á capital galega ou “Balata”, no encontro co Camiño da Prata son algunhas das cancións deste novo traballo de Brath arredor dos camiños que levan a Compostela. 

No concerto do Teatro Colón da Coruña, o grupo presentará este novo traballo e interpretará temas dos 33 anos da súa historia.