Campaña para pedir a Norwegian que rectifique e rotule o boeing de Rosalía con 'Galician author'

IMG-20170202-WA0003

Causa Galiza anima, a través das redes sociais  a se dirixir á liña aérea para pedirlle que a imaxe da escritora galega na cola do avión figure como ‘Galician author’ no canto do previsto ‘Spanish author’.

A noticia de que un Boeing da compañía aérea ‘Norwegian’ levará a imaxe de Rosalía de Castro plasmada na súa cola estendeuse como a pólvora e tivo parabéns e felicitacións á liña norueguesa. Uns parabéns que se redobraron cando desde a propia empresa, e a través de Miguel Urresti, responsábel de Marketing de Norwegian no estado español, argumentaban a decisión. Rosalía foi pioneira nun duplo papel: como recuperadora do galego (“matriarca das letras galegas”) e na “emancipación da muller”.

O Boeing g 737-800, de 186 prazas coa imaxe de Rosalía na súa cola estará listo para voar nos vindeiros meses. A imaxe que a propia empresa remitiu de como ficaría o avión inzou as redes sociais. Mais nesa composición baixo Rosalía de Castro figura a lenda ‘Spanish author’, o que levou a que nas redes de inmediato abrollasen peticións e solicitudes de que esa definición se trocase por ‘Galician author’. Nesta liña, Causa Galiza lanzou nas últimas horas unha campaña  nas redes sociais pedindo dirixirse á companhia aérea para reclamar que “modifique o erro produzido ao titular Rosalia de Castro como "Spanish author”. Como figura principal da “literatura nacional galega", explica Causa Galiza, hai que “ reconhece-la como "Galician author". Causa Galiza informa tamén que se dirixiu a axentes políticos e sociais para dar pulo a esta campaña. De por parte, e no día no que se coñeceu a nova de que Norwegian ía bautizar un avión co nome da escritora, o BNG xa parabenizaba nun chío á compañía ao tempo que lle instaba a rotular a imex cun 'Galician author'.