Campanela no teatro Alfonsetti, por Xoán Costa

Na imaxe Campanela, a primeira pola esquerda, en 1918.

En novembro de mil oitocentos e oitenta e dous, o día doce,  Betanzos inaugurou teatro, o teatro Alfonsetti, con capacidade para catrocentas persoas. Despois de a banda interpretar a sinfonía Campanone, adaptación española, realizada por Vicente Lleó, da ópera italiana de Giuseppe Mazza La prova di una opera seria, obra de corte rosiniano e vida efémera que, con todo,  sobreviviu no repertorio grazas á súa conversión en zarzuela e que ese día foi grandemente aplaudida, abriu a programación o drama en tres actos de Núñez de Arce, Dívidas da Honra. A propia familia Alfonsetti foi a encargada de presentar en escena as diversas situacións que o drama recolle sendo premiada con grandes aplausos e moitos ramos de flores. Cantou logo o Orfeón Brigantino e o coro Aurora.

 

Para esta función inaugural foi escrito un poema  por Don Constantino Ares Mancera; consérvase no Arquivo Municipal de Betanzos e titúlase: “Gloria al poeta y a los actores”, indicando a folla impresa que foi “Poesía leída el día de la inauguración del TEATRO ALFONSSETI.

 

A esta primeira posta en escena seguiron outras. Mesmo houbo representacións que causaron escándalo pola súa inmoralidade e provocaron reaccións iradas na capa máis beata do sociedade betanceira.

 

En outubro de 1909 instalouse no teatro “un magnífico aparato cinematográfico construído recientemente con arreglo a los últimos adelantos” e a partir de aí baixaron da escena actores e actrices ben coñecidas do público e subiron os grandes mitos do cinema en funcións de xoves e domingo.  Non faltaron neste espazo os mitins do partido liberal nin os festivais benéficos a favor dos soldados feridos en Melilla. Todo combinado con espectáculos de varietés, como o ofrecido en 1914 pola célebre cantante Campanela, a mesma que figura á esquerda na foto da cima e o semanario gaditano Juácaro de trinta e un de agosto de mil novecentos e dezaoito cualifica de  “suntuosa mujer de blancas carnes palpitantes en su juventud” e que outra prensa descrebe como a gaditana de ollazos negros e labios clavelinos sen entrar moito no seu modo de cantar.