CRÍTICA DE CINEMA DA SEXTA FEIRA

"A canción do mar"

mar

O crítico Andrés Castro achéganos esta sexta feira A canción do mar de Tomm Moore, un filme que define como "unha auténtica delicia visual e narrativa desas que quitan de golpe todos os prexuízos que se poidan ter sobre os debuxos animados". 


Título orixinal: Song of the Sea
(Irlanda 2014, 93 min.)
Directora: Tomm Moore
Guión: Will Collins
Música: Bruno Coulais

SINOPSE

Tras a morte da nai, Ben e Saoirse, en contra da súa vontade, trasládanse á cidade coa avoa onde terán unha mellor educación que na illa do faro baixo o coidado dun deprimido pai e un can. Cando escapan para retornar ao seu verdadeiro lar, entran nun mundo fantástico que só coñecían a través das lendas que lles cantaba a súa nai.

CRÍTICA 

Cando toda a animación estase a pasar á renderización 3D desde hai xa tempo, chega un irlandés chamado Tomm Moore, de apenas 30 anos, e presenta -xunto a Nora Twomey- unha película titulada O Segredo de Kells que retorna á animación artesanal 2D, claramente en desuso, cuns debuxos -aparentemente- simples, próximos a estética de Persépolis (2007, Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud). Un atrevemento, homenaxe, ida de olla, simpleza, deostada pola industria apoiándose en que a historia era demasiado complexa para cativos. Mais lonxe de desistir Moore presenta agora, en solitario, A Canción do Mar: filme que continúa coa estética naif e método artesanal, aínda que sen descartar tecnoloxía, e pule un pouco a historia para achegala, desta volta, a todos os rangos de idade.

Introdúcenos de cheo na mitoloxía celta arredor duns seres mitolóxicos con poderes máxicos chamados selkies coa particularidade que poden transformarse en foca a vontade. Comeza a historia nunha casa ao lado dun faro situada nunha illa no medio do mar. Alí vive a parella formada por Conor e Bronach, o seu fillo Ben, o bulideiro can Cù (que significa can en gaélico) e unha nena a piques de nacer. Unha vida idílica difícil de superar que se rompe en mil anacos unha estraña noite na que Bronach desaparece no medio do mar, non sen antes dar a luz á pequena Saorsie.

"Tomm Moore confirma antes de chegar aos 40 que é unha das maiores promesas do mundiño da animación e, felizmente, apúntase coma digno sucesor de Hayao Miyazaki"

Desde a fatídica noite, Conor cae na bebida pero sen descoidar a educación para os seus dous fillos para que a avoa, preocupada pola situación, non llos quite. Unha noite a pequena Saorsie aparece á beira do mar a punto de pillar unha pulmonía xunto a un manto branco que atopou nun baúl que agochaba Conor desde a morte da súa muller. A avoa ve a grande oportunidade de sacar aos netos por fin dese entorno tan pouco apropiado e acorda levalos á cidade por un tempo a pesares que os rapaces queren permanecer co pai. A partires de aquí metémonos nunha delicada e belísima historia na que se xuntará o regreso ao fogar (ás orixes) cun mundo fantástico repleto de personaxes simpáticas e alucinantes que irán axudando, ou poñendo atrancos, na incríbel odisea de Saorsie, Ben e Cù.

Dentro da aparente sinxeleza dos debuxos, hai un minucioso traballo no que se aprecia que se puxo o máximo interese no máis mínimo detalle: a herba, a paisaxe, a néboa, o deseño de personaxes, o pelo, o mar, as rochas, as cancións... Cancións e banda sonora cheas de sensibilidade que evocan á música tradicional celta. Sensibilidade que traspasa a pantalla para levar da man ao espectador a un mundo máxico que logra rozar a ialma. Hai moito mimo na realización.

 

Segundo Moore quería “facer unha historia que entretivera tanto a cativos como a maiores” como Meu Veciño Totoro, película que lle “inspirou moito”. Tamén hai nostalxia, tristeza, cultura, valores, ecoloxía, aventura e fantasía. De feito o método de traballo de Tomm Moore achégase moito á filosofía do Estudio Ghibli, por tanto, que mente ao mestre Miyazaki coma referente, non é casualidade. Pero non só de Totoro bebe A Canción do Mar senón que, salvando as distancias, aprécianse aínda máis parecidos con Ponyo no Acantilado ou A Viaxe de Chihiro. E iso son palabras maiores... Tomm Moore confirma antes de chegar aos 40 que é unha das maiores promesas do mundiño da animación e, felizmente, apúntase coma digno sucesor de Hayao Miyazaki, sobre todo agora entrou no retiro voluntario. Digno sucesor que cambia a mitoloxía xaponesa pola celta rebuscando nas súas propias raíces irlandesas para que as historia máis locais poidan ser universais. Agardemos que nas seguintes se vaia confirmando esta proxección. Polo de pronto A Canción do Mar rompe cos convencionalismos da Pixar, Disney e Dreamworks para apostar por un cine que queda na retina e no corazón. Unha auténtica delicia visual e narrativa desas que quitan de golpe todos os prexuízos que se poidan ter sobre os debuxos animados. 

 

Andrés Castro García (acastrofilms@gmail.com)
http://www.facebook.com/criticadcinema