A cantería tradicional segundo o Museo do Pobo Galego
«É un libro que recolle, dende o interior do oficio, os coñecementos da cantería tradicional, os útiles, os procedementos e as construcións de xeito sinxelo e didáctico de diversos traballos de cantería que conforman a paisaxe histórica galega», afirma a institución de Compostela, onde se presenta o volume esta quinta feira 14 de novembro.
Nesa xornada o autor estivo acompañado do arquitecto e patrón do Museo do Pobo Manuel Caamaño, quen ademais se encargou da introdución do volume. «O fin deste manual é documentar e divulgar os saberes dos canteiros», sinalan, «tamén poñer en valor o noso patrimonio tradicional. Cómpre lembrar que a Unesco declaraba en decembro de 2018 a técnica de construción da pedra en seco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade». Mantemento de ferramentas, as paredes, a extracción de pedra no monte ou a construción de cruceiros, horreos, muíños de río, fornos de cantería ou vivendas conforman algúns dos capítulos da obra.
A cantería tradicional será o terceiro número da colección divulgativa Manuais do Museo do Pobo Galego. A serie comezara en 1985 con A cultura popular, de Xosé Ramón Mariño Ferro e continuou sete anos despois con As festas cíclicas do ano, de Clodio González Pérez.