Carlos L. Bernárdez gaña o XX Premio Cabanillas

Carlos L. Bernárdez naceu en Vigo en 1958 (Foto: Arxina).

A gala de entrega do galardón decorrerá o vindeiro 7 de xuño

O profesor, investigador literario e crítico de arte Xosé Carlos López Bernárdez recibirá o vindeiro 7 de xuño o XX Premio Cabanillas, que conceden o Concello de Cambados (O Salnés) e as librarías Contos e Ramón Cabanillas.

O xurado do premio recoñeceu Bernárdez pola súa edición do poemario Samos (Xerais, 2010) e Obra dramática de Ramón Cabanillas (Xerais, 2001), que realizou xunto a Manuel F. Vieites, constatando que o profesor e investigador de Vigo é “un bo coñecedor da obra do poeta cambadés”.

Bernárdez, colaborador de Nós Diario cunha sección de arte no semanario Sermos Galiza, é licenciado en Xeografía e Historia e profesor de Lingua e Literatura galegas. Ademais de estudar Cabanillas, ten no seu haber outros traballos sobre autores como Dieste, Blanco Amor, Manuel Antonio ou Xosé María Álvarez Blázquez. É, ademais, un especialista na arte de autoras e autores como Maruxa Mallo, Colmeiro ou Seoane.

Cambios no galardón

Aínda que a libraría Ramón Cabanillas xa non está aberta ao público, nesta XX edición mantívose na organización do galardón. Con todo, desde a Concellaría de Cultura de Cambados sinalaron á posibilidade de incluír cambios en vindeiras edicións.

O Concello quere así “gañar implicacións” no premio para “facelo máis grande”, e estuda incluso engadir un novo premio ligado tamén a Cabanillas pero non só de investigación e divulgación da súa figura e obra, senón de creación literaria.