MÁIS

As carrilanas de Esteiro a todo gas

Participantes no Gran Prix das Carrilanas de Esteiro de 2023. (Foto: ADC Esteirana de Carrilanas)
O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro (Muros) dará mañá o asubío de saída oficial. Será unha fin de semana chea de carreiras, gastronomía e boa música. Trátase dun xogo de nenas e nenos con trinta e cinco anos de traxectoria e que atrae cada edición miles persoas de todas as idades e recunchos da Galiza. Conta con máis de setenta participantes cada ano

Comeza hoxe a XXV edición do Gran Premio de Carrilanas de Esteiro (Muros). A vila acolle todos os meses de xullo esta curiosa carreira única na Galiza na que se exaltan o pasado e as manufacturas en madeira. A ADC Esteirana de Carrilanas é a encargada da organización de todo o evento. Actualmente contan coa denominación de Festa de Interese Turística Nacional. Esteiro recibirá unha vez máis perto de 30.000 asistentes que veñen gozar da música e destas obras de arte da carpintaría. 

Espazos de artesanía, exposicións de carrilanas, gastronomía, música e programación infantil non faltarán en Esteiro. Un total de tres escenarios encherán este Gran Premio con algúns dos artistas máis importantes do panorama galego dos últimos anos. Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, os muradáns The Rapants ou Mondra, entre outros artistas, pasarán por Esteiro coa súa música para celebrar os trinta e cinco anos de baixadas de carrilanas. As carreiras teñen lugar sempre na mesma costa, a do Maio, con case dous quilómetros e medio de lonxitude. É unha estrada sinuosa da propia parroquia, enmarcada entre árbores e vivendas. 

A velocidade está en Esteiro. Unha fin de semana para desfrutar dun gran premio xunto con música e gastronomía da terra

As actividades da fin de semana están perfectamente organizadas para espremer ao máximo esta tradición. Durante a xornada de hoxe fecharase por vez primeira no ano a costa do Maio para os adestramentos oficiais. Os participantes poderán verificar que as súas carrilanas funcionan correctamente. Mais esas non son as únicas comprobacións, xa que mañá todas as carrilanas teñen que expoñerse na alameda da vila para inscribirse de forma legal e que se comproben tecnicamente as características de cada unha. 

O día de mañá disputarase a Pole Position para decidir os postos da carreira final. O último día, o domingo, estará cheo de carreiras, comezando coa dos menores de idade ás 19 horas. Ás 19.30 baixarán a Costa do Maio as carrilanas lentas ou de exposición, que non compiten no Gran Prix e normalmente son pezas de colección dos primeiros anos de competición ou novas carrilanas que non queren estragar os seus deseños. A última carreira será o Gran Prix, ás 20 horas. Nela participarán as carrilanas clasificadas cos mellores tempos da Pole Position. Nesta modalidade só poderá empurrar o copiloto ou copilota, mentres que o piloto ou pilota permanecerá sentada.

Tras a xornada de velocidade, todos os participantes nas carreiras e os que se achegaron a desfrutar delas poderán degustar gastronomía de balde mentres se realiza a entrega de premios. Ademais do gañador ou gañadora da carreira, hai outros galardóns, como o participante máis veterano, a carrilana máis fermosa ou os pilotos cos traxes máis orixinais, entre outros.

Un pouco de artesanía

As carrilanas son uns vehículos artesanais feitos case na súa totalidade de madeira. Non empregan combustíbel e poden chegar a medir até 3 metros de longo e 1.15 de ancho. Constan de tres ou catro rodas, que teñen a posibilidade de estar recubertas de goma sen aire e ter un diámetro máximo de 45 centímetros. A carrilana está composta tamén dun taboleiro, un traveseiro e un soporte para o eixo. Non pode contar con elementos metálicos, mais o soporte do eixo si que pode estar feito con outro material sempre e cando garanta o xiro da roda co eixe entre dúas superficies de madeira. A engraxe da maquinaria débese facer cunha graxa consistente e recoméndase o emprego de bombas manuais. Calquera tipo de aceite ou substancia similar está prohibido.

Pódense empregar todas as variedades de madeira, pero as máis comúns e recomendadas polos veteranos da competición son o carballo e a oliveira. Madeiras como o piñeiro, por exemplo, non aturarían a baixada e acabarían queimando o eixo, supondo un perigo na carreira. A normativa actual obriga a que os catro primeiros en chegar á meta teñan  que desmontar a súa carrilana tras o remate da carreira para verificar que cumpren todas as normas. A organización poderá descualificar a toda aquela carrilana que non cumpra a normativa estabelecida por mor de asegurar  que ninguén do público ou dos participantes acabe ferido. As competidoras e competidores deberán levar un casco integral con subxección e prendas de manga larga. 

Unha quentada e moito enxeño

As carrilanas de Esteiro naceron grazas a que en 1988 un grupo de amigos estaba a debullar como podían facer máis atractivas para as persoas doutras localidades as festas de Santa Mariña, patroa da vila, que se celebra o 18 de xullo. Diversas ideas pasaron polos seus miolos antes de decidirse por traer de volta as carrilanas. Eses carriños de madeira feitos a machada que tanto os fixeran rir de cativos. Só buscaban divertirse e volver desfrutar como en tempos pasados.

Decidiuse que cada carpintaría da vila tería a súa carrilana, formándose así unha competición entre as persoas do gremio por construír a mellor carrilana. Comezaron con quince corredores e a día de hoxe participan máis de setenta. "As carrilanas son artesanía da xente da vila que leva toda a vida no mundo da carpintaría, mais agora mestúranse con escudarías chegadas de toda a Galiza", relata Rodrigo Molinos, colaborador das carrilanas, a Nós Diario. 

Rodrigo, coñecido por todos os veciños de Esteiro como 'O Bolato', leva máis de trinta anos baixando cada ano cunha carrilana e mantén o título do corredor máis veterano desde hai tres edicións. El prefire as carrilanas lentas, que permiten amosar a artesanía das primeiras carrilanas. Nos últimos anos adoitaba baixar a Costa do Maio con Ramiro García, coñecido na vila como 'Gerente'. Foi presidente de Honra da ADC Esteirana de Carrilanas e faleceu  en maio de 2022. Antes do seu pasamento doou as carrilanas de artesanía á asociación para que se puidera desfrutar delas durante todas as vindeiras edicións. "As carrilanas antes eran un xogo de nenos, mais agora convertéronse nun xogo para maiores que o seguen a desfrutar coas mesmas ganas e ilusión", di 'O Bolato', rememorando as súas primeiras edicións nestas bestas de madeira.