"Carvalho declarábase galego universal"
A ciencia ao servizo da nación é unha antoloxía que reúne textos moi diversos de Ricardo Carvalho Calero. Unha obra representativa que reproduce, en certo modo, a editada por vostede dez anos atrás, no centenario do nacemento de Carvalho Calero. Abarca un arco temporal de cincuenta e sete anos e xunta artigos publicados en Nós, A Nosa Terra, Grial, Agália, Boletín da RAG, La Voz de Galicia, El Progreso ou Faro de Vigo. A que responde esta edición?
Hai dez anos, cando ideei a composición dun libro sobre Carvalho Calero, desbotei a idea inicial de estenderme sobre a súa filosofía lingüística, sobre a importancia basilar da súa Historia da Literatura –toda esta arquitectura, tan rica, fecunda e pioneira– porque me decatei de que ía ser máis produtivo oferecer unha escolma da súa obra científica e tamén ensaística e de divulgación que non fora reeditada. Falece en 1990 e nesas dúas décadas eu utilicei profusamente obra del nas miñas aulas a base de fotocopias de libros editados en vida ou postumamente.
Pareceume moito máis oportuno achegármonos ao coñecemento dunha parte da súa obra, e implicitamente tamén da súa personalidade, a través desa antoloxía de estudos, ensaios e artigos de divulgación. No esquema que escollín xa daquela, e a edición actual mantén esa composición, temos 48 textos que abranxen un arco temporal de cincuenta e sete anos, e comprenden, por exemplo, oito artigos dos anos ‘30, nove dedicados a Rosalía de Castro, un a Pondal, un a Curros, un a López Ferreiro, un a Cabanillas, un a Risco, catro a Castelao, un a Otero Pedrayo, un a Luís Seoane, un a Cunqueiro e dez á lingua, á situación sociolingüística e sociopolítica da lingua galega nesa década decisiva dos anos ‘80, onde el tivo unha intervención publicística fundamental para coñecer as limitacións absolutamente represivas da lexislación constitucional.
A primeira parte da escolla ten moito a ver con dar a valer o papel del xa como estudante e como magnífico orador e escritor nos primeirísimos tempos da súa intervención pública en Ferrol e en Compostela. Despois do grave e terríbel hiato da Guerra Civil española, do cárcere, do seu retorno a Galiza en 1941, damos cronoloxicamente o salto aos anos ‘50. Escollín personalidades da literatura e da historia galega fundamentais polas que el demostrou un entusiasmo crítico particular. Aí temos que encadrar claramente Rosalía de Castro, Castelao, Cabanillas e Otero Pedraio. Na última parte, esa súa intervención pública a través de artigos en prensa dedicados á situación da nosa lingua é fundamental, tanto para poñer á vista ás contradicións da propaganda oficial como para aclarar a idea de que non hai pobos naturalmente bilingües ou para defender o reencontro do galego co seu consanguíneo, o portugués, en toda a súa extensión.
Vostede afirma que o abano temático e publicístico é amplísimo, mais fía que se trata dun “espello, un só, dos moitos que configuran a súa personalidade e obra”. A súa vontade era transmitir unha imaxe plural e aberta de Carvalho Calero? Imos aclarar que, do seu tempo, dos intelectuais (aínda que a el esta palabra non lle gustaba nada) da súa xeración, non ten parangón posíbel. É o escritor que ve escurecida a súa obra de creación literaria, como poeta, como narrador, como dramaturgo, por unha noción, un pensamento e unha vontade moi firmes de servizo a nación, á Galiza, que se traduciu en obras fundamentais como a Gramática elemental del gallego común, de 1966, ou a Historia da Literatura Galega Contemporánea, coa primeira entrega en 1963, e posteriormente ampliada.
Para alén disto, ducias e ducias de estudos, de ensaios, de monografías, de artigos, fundamentais para iluminar cun rigor e unha erudición admirábeis a literatura galega como arte senlleira, e que insisto, non teñen comparanza nas personalidades do seu tempo, con aspectos de obras e autores fundamentais da nosa literatura, ben entendido que a literatura actuou nos nosos clásicos como metonimia da nación no seu conxunto. Unha vez xubilado da Cátedra da Universidade, nesa derradeira época de vida, realizou circularmente un retorno a aqueles seus primeiros tempos como interveniente, como o mellor orador entre os novos, político e literario.
Esta volta levouno, como digo, a unha intervención continuada na prensa diaria, con artigos claramente de vocación masiva, e a unha intervención constante con todo o bloco de cultura galega non oficial e moi activa. Aí a colaboración foi absolutamente xenerosa, desinteresada e continuada, con asociacións culturais como O Facho ou Alexandre Bóveda, noutras de lugares ou vilas moito máis pequenas, por suposto con AGAL, en publicacións como A Nosa Terra, en asociacións pedagóxicas como a AS‑PG, clausurando o encontro que deu lugar en abril de 1986 á Mesa pola Normalización Lingüística, ou tendo a satisfacción de receber a primeira homenaxe que se lle fixo, a cargo da Sociedade Cultural Medulio, en Ferrol, xa en 1981. Isto en contraste coa proscrición coñecida e da que tamén se fala no libro, por parte da oficialidade. Non podemos perder de vista que todo acontece nun tempo histórico fundamental para a Galiza, aquel que enfronta a solución constitucional coas necesidades políticas definidas polo nacionalismo galego.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 375 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]