A «Casa de Bonecas», de Ibsen, en galego e en Madrid
A compañía teatral Estudo Momento leva 1879. Casa de Bonecas á escena madrileña, cunha función en galego 28 de novembro. Os actores Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares encarnan o matrimonio Helmer durante todo o mes de novembro en funcións de xoves e venres na sala Off Latina.
A particular adaptación do propio Xoán Carlos Mejuto, con só dous intérpretes, elabora unha versión onde se acentúa o conflito e se destila toda a potencia dramática da obra de Henrik Ibsen. Ademais, foi Premio Luísa Villalta pola igualdade da Deputación da Coruña.
A obra
Casa de Bonecas estreouse en Copenhague en 1879, cun auténtico escándalo. A obra conta a historia dunha muller que decide abandonar o fogar, o marido e os fillos. Nora Helmer toma esta decisión ao decatarse de que toda a súa vida transcorreu nunha casa de bonecas na que ela simplemente interpretaba o papel que lle tiñan asignado.