Castelao viaxa ao celuloide da man de Ángeles Huerta

Xoan Fórneas na rodaxe dunha secuencia do filme. (Foto: Zenit TV)
Xoán Fórneas dará vida a figura de Castelao, mentres que Cristina Iglesias interpretará a Virxinia Pereira. 

Esta segunda feira, 2 de setembro, a produtora Zenit TV e Retrincos A.I.E comezaron a rodaxe da película Antes de Nós, un filme sobre Castelao cuxa rodaxe se prolongará durante todo o mes de setembro en localizacións como Rianxo ou Pontevedra, lugares escollidos pola relevancia na vida de Alfonso Rodríguez Castelao, e en Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Silleda ou Negreira onde se reproducirán os escenarios nos que viviu o protagonista.

Xoán Fórneas será Castelao neste drama histórico no que destacan actores e actrices como Cris Iglesias (Virxinia Pereira), Nancho Novo (Sobral, o canteiro), Xoel Fernández (Cándido), Miquel Insua (Viturro), Sergio Zearreta (Cubeiro), Isabel Vallejo (Xaquina) e Adrián Ríos (Moure), entre outros.

A longametraxe está dirixida por Ángeles Huerta (O corpo aberto, Esquece Monelos...) e conta coa produción executiva de Zaza Ceballos. O guión é obra de Pepe Coira, a dirección de fotografía está a cargo de Lucía C. Pan, a dirección de arte de Elisa Robles, a música de Sofía Oriana e a montaxe de Lucía Iglesias. Coa dirección de produción de Lucía Caramelo, o equipo complétano Aránzazu Domínguez a cargo do vestiario, Chicha Blanco da maquillaxe e Lorena Calvo da perruquería.

Antes de Nós non é unha biografía convencional senón que busca entender como era Castelao, profundando nas súas emocións e as circunstancias históricas que deron forma á figura que todos coñecemos hoxe en día.

Para iso, a película céntrase en dous episodios cruciais da vida de Castelao: o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe do 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado pola súa muller Virxinia, tras a tráxica perda do seu único fillo Chuchiño, á idade de catorce anos. Naquela viaxe estabeleceu contacto con intelectuais bretóns de diversas áreas e variado signo político, interesándose por todos os aspectos da cultura e das xentes do país.

"Esta obra", explican desde a produtora, "levaranos a descubrir quen era Castelao antes de ser o Castelao que todos coñecemos; como era a Galiza antes da 'xeración Nós', e o matrimonio de Castelao e Virxinia antes de ser nós".

Antes de nós será distribuída en salas cinematográficas e a súa estrea está prevista para o ano 2025.