Cesáreo Sánchez, presidente da AELG: "É importante reivindicar e pór en valor o que significa ser escritor e escritora en lingua galega"

O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez (Foto: Eduardo Castro Bal).
Cesáreo Sánchez (Dadín, O Irixo, O Carballiño, 1951), como presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), participou esta semana en Palma (Illes Balears) no encontro da federación Galeusca, cuxa anterior reunión tivera lugar en 2014. 

Cales foron os principais obxectivos desta reunión?
En primeiro lugar, a reanudación da federación. Ao final somos tres asociacións -AELG, Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC)- e o proceso de toma de decisións non sempre é doado. Entendemos que é importante que nos comuniquemos e unir os nosos esforzos, sen intermediacións e sen ter que pasar por Madrid, tanto para mostrar que non estamos sós como para enviar unha mensaxe aos distintos responsábeis da protección da lingua que non están a facer o seu traballo. 

Precisamente, nas Illes Balears hai un proceso activo de agresión ao catalán, que é un dos motivos polos que decidimos levar a cabo o encontro neste lugar. É unha literatura que está a ser agredida, mesmo tendo certo grao de consolidación. Este encontro tamén implicaba reflexionar sobre o futuro: unha lingua ten que ser actualizada para que non perda o tren da historia, dos pobos. 

Temos que determinar cal é a mellor maneira para que as tres linguas participen de todos os avances que ten calquera outra lingua. Desde a AELG correspóndenos asumir a posta en valor da nosa lingua e a responsabilidade de deixar estruturas sólidas para as novas xeracións.

Neste encontro tiña especial relevancia a tradución como estratexia de internacionalización de literaturas minorizadas.
Pensamos que o labor que se está a facer actualmente é marabilloso, mais tamén somos conscientes de que debe haber unha actividade maior e que debe participar a administración autonómica que teña a responsabilidade de fomentar o idioma. Non é de recibo que unha crianza vaia á escola falando galego e que volva á casa falando español. A tradución é unha profesión fundamental para as nosas linguas, mais está entrando nunha crise e temos a obriga de reconducir a situación para que non a leve como un tornado a intelixencia artificial. Esta é unha ferramenta que debe ser ben utilizada, por mans que queiran a lingua.
Por iso tamén quixemos organizar unha táboa redonda que estabelecera un diálogo entre profesionais da tradución das tres linguas, na que participaron Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.

No marco destas conversas arredor dos sistemas literarios, cal é a situación do caso galego?
O sistema literario galego ten unha eiva, posto que non temos un instituto que implique a promoción do galego dentro e fóra do territorio. Os nosos libros non adoitan estar nas bibliotecas de fóra da Galiza. Este é un oco que temos que suplir nós e queremos facelo desde a nosa perspectiva, non a través doutras plataformas, porque temos problemáticas particulares que deben ser atendidas desde aquí. 

É importante reivindicar e pór en valor o que significa ser escritor ou escritora en lingua galega. Sen un sistema literario é moi difícil que unha lingua viva. 

Ademais, sabendo que son profesionais activos nos medios de comunicación e que funcionan como líderes de opinión, entendemos que ten que haber un pensamento ético e feminista. 
A Galiza non ten a prensa que precisa, xa non só polo coidado da lingua e da información, senón porque as persoas que nos dedicamos á escrita sabemos que, polas nosas mensaxes, non imos ser convidadas 
a certos programas.