O CGAC inaugura unha mostra da obra do iraniano Asghar Farhadi
Reúne varias series fotográficas a grande escala nas que a paisaxe é o fío condutor.
Onte inaugurouse no CGAC a exposición Asghar Farhadi. A beirarrúa, que mostra por primeira vez no Estado o universo creativo deste cineasta e fotógrafo iraní que situou o cinema iraniano en primeira liña da cinematografía internacional.
Como ocorre no traballo doutros realizadores (desde Stanley Kubrick a David Lynch, pasando por Andrei Tarkovski ou Abbas Kiarostami), a fotografía é compañeira de Farhadi desde hai anos. Así mesmo, o realizador procede do mundo do teatro, de aí a gran cantidade de referencias á arte dramática que atopamos nos seus filmes. Mundos imbricados dun autor para quen, nas súas propias palabras, “afastarse de experimentar é un perigo” e ao que o CGAC acolle nas súas diferentes facetas artísticas.
Farhadi é autor de filmes como Nader e Simin, unha separación (2011) e O viaxante (2016), ambas galardoadas co premios Óscar á mellor película de fala non inglesa, ou Un heroe (2021).
A beirarrúa, peza central elixida polo propio Farhadi para darlle título á exposición, é unha obra fotográfica a grande escala, composta por catro murais da rúa Vali Asr de Teherán, que foi rexistrada, ao longo de todo un ano, coa axuda das súas asistentes Tahmineh Monzavi e Leila Akhbari.
As catro composicións ben poderían funcionar como secuencias cinematográficas a través das cales parece crearse outra temporalidade e outro espazo. A beirarrúa desa megalópole é tamén o espazo íntimo e ideolóxico de moitas das súas películas, nas que os seus personaxes se enfrontan a dilemas éticos vitais. Xunto a varias series fotográficas, a mostra recolle tamén un variado material audiovisual da súa carreira cinematográfica (vídeos e fotografías do making of dalgunhas das súas películas, carteis dos seus filmes, entrevistas etc.) e dúas películas documentais que analizan o traballo do director cos actores.
Cine e museo
A exposición do realizador iraniano Asghar Farhadi é unha mostra máis do compromiso do CGAC coa exploración das zonas de contacto entre cine e museo.
Nela conflúen aspectos que superan ou completan o cinematográfico, como as incursións na fotografía ou as referencias á dirección de actores. O carácter escenográfico e á vez coloquial da montaxe permite descubrir como os dramas e as inquietudes máis universais aparecen nos pregos da vida cotiá. Cunha mirada ácida pero compasiva e comprensiva, Farhadi móstranos como o cine pode chegar a ser unha ferramenta de aprendizaxe e coñecemento do mundo e das paixóns.