Do 11 ao 20 de abril

O ciclo “De lugares e órganos” achegará o patrimonio musical compostelá á cidadanía

[imaxe: Concellaría de cultura]. Branca Novoneyra e Belén Bermejo no acto de presentación do ciclo

Santiago de Compostela acollerá unha nova edición do ciclo cultural "De lugares e órganos". A programación do evento incluirá varios concertos, proxeccións cinematográficas e unha exposición fotográfica. 

O ciclo cultural “De lugares e órganos”, impulsado polo Concellaría de Acción Cultural, comeza o vindeiro 11 de abril a súa cuarta edición. O programa, cuxas actividades se prolongarán ata o día 20 deste mesmo mes, pretende achegar a herdanza instrumental compostelá á cidadanía.

 

A través dun comunicado de prensa, a directora artística do ciclo, Belén Bermejo, explica que a iniciativa se orixinou ca intención “de descubrir o patrimonio organístico e outras paisaxes invisibles de Santiago, de lugares que pasan desapercibidos para os visitantes e a propia veciñanza”.

 

No mesmo comunicado, a concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra engadiu que, para isto, levaranse a cabo outras actividades paralelas como "os itinerarios polo patrimonio organístico esquecido, proxeccións cinematográficas ou conversas con artistas".

 

As actividades do ciclo.

 

Dentro do programa están programados cinco concertos. A actuación de Alkhodari, Frederiksen e Mendive, o sábado 13 na igrexa da Universidade, será a encargada de abrir o ciclo. Ao día seguinte, a igrexa de San Paio albergará o recital do clavecinista galego Diego Ares.

 

O 16, na igrexa de Santa Clara, terá o lugar do concerto da organista e frautista Corina Marti e o contratenor Doron Shleifer. O organista Marco Aurelio Brescia actuará na igrexa de San Martiño Pinario o 17 de abril. O ciclo pecharase o día 20 no lugar no que comezou con Pedro Lamas, Germán Díaz, César Morán e Erea Blanco Balvís.

 

O programa incluirá, ademais, proxeccións cinematográficas na sala Numax, unha exposición fotográfica nos escaparates de varios establecementos da cidade e unha exposición bibliográfica. Tamén están previstas dúas saídas, unha á Biblioteca Xeral da USC, o 11 de abril, e outra aos órganos de San Martiño, o día 17.