A "Cidade Alta" celebra Luísa Villalta, creadora "atraente" e "transformadora"

O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas fechou coa interpretación do Himno galego. (Foto: RAG)
A Coruña acolleu o pleno extraordinario da RAG no Día das Letras.

O violín de Kiyoko Ohashi, intérprete da Real Filharmonía da Galiza, soou no inicio da sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega con motivo do Día das letras galegas. Soaron o Adagio e Presto da Sonata Nº 1 para violín de Johan Sebastian Bach, compositor predilecto de Luísa Villalta, cuxo "amplo proxecto literario" guiou os primeiro meses de 2024 até este 17 de maio en que foi homenaxeada na Coruña, a "Cidade Alta" onde naceu e viviu, mais tamén espazo poético e intelectual constante na súa obra.

Un mundo posíbel

Tras a benvida do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, ao público que ateigou o teatro Rosalía de Castro, a académica Ana Romaní foi a encargada de abrir una serie de tres alocucións centradas na profunda "bagaxe intelectual" da dramaturga, poeta, narradora, ensaísta e articulista homenaxeada; no seu pensamento apaixonado, na complexidade e compromiso da creadora, que abandonou a música como profesión pola docencia e a escritura, sen prescindir dela como fonte inspiración vital e literaria.

O acto central do Día das Letras enxalzou Villalta, unha muller que demostrou sempre un compromiso inquebrantábel coa xustiza social, coas novas xeracións e coa lingua propia. Nunha intervención titulada "Co corazón aínda en vilo. Luísa Villalta, as escadas dun mundo posíbel", Ana Romaní propuxo un xogo literario no que debuxou un hexágono de palabras de Luísa Villalta, unha homenaxe sonora aos caligramas dunha autora de "sólida e ampla bagaxe intelectual, da música ás matemáticas, do xogo ao símbolo".

Romaní deulle nome a cada un dos lados desa figura poligonal para percorrer e deterse na súa obra: Papagaio, Música reservada, Ruído, En concreto, As certezas de Ofelia...; para reivindicar a escritora "que se transforma e nos transforma" desde o "profundo e exixente edificio literario". A poeta e xornalista non esqueceu a Villalta articulista. Durante dous anos, Nas páxinas d'A Nosa Terra "comprométese, toma partido, crea opinión e apenas se comprace", valorou. "A pulsión que a anima devólvenos a necesidade do entusiasmo crítico, da implicación consciente na acción e no pensar colectivo".

Compromiso e teatro

A cineasta e académica Margarita Ledo afondou deseguido no compromiso ético de quen retratou como unha das figuras "máis complexas, atraentes e representativas da fin do s XX en Galiza", nunha intervención titulada Pensar Galiza, soñar Galiza, andar, na que analizou a concepción que tiña a homenaxeada da cultura galega como un proxecto común e de emancipación colectiva.

Ledo gabou "unha das figuras máis complexas, atraentes e representativas da fin do século XX na Galiza" para dar paso á intervención do tamén académico Euloxio Rodríguez Ruibal, quen puxo o foco na produción teatral de Villalta, escrita nunha "prosa limpa, precisa, sinxela e ás veces poética". A estética simbolista, destacou, é outra constante da súa dramaturxia, caracterizada pola "linguaxe poética e musical, unha atmosfera misteriosa e desacougante, evocadora de impresións, e a subxectividade e o quietismo".

Reivindicación e festa da lingua

O Himno galego, interpretado por Estíbaliz Espinosa e Kiyoko Ohashi, puxo fin ao acto central do Día da Letras Galegas que o presidente da RAG aproveitou para reivindicar a "festa da lingua", pero sobre todo o "seu uso e práctica social". Víctor F. Freixanes subliñou o compromiso Luísa Villalta coa Galiza, coas causas xustas, coas novas xeracións e coa lingua.

"Cermente demos pasos xigantescos a prol da súa dignidade e uso", mais 40 anos despois da Lei de Normalización Lingüística e 20 anos após do Plan de normalización "cómpre deseñar un novo horizonte para a lingua, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas". "Perdemos falantes", dixo Freixanes, que instou a Xunta, responsábel da política lingüística, e ao conxunto da sociedade a afrontar a realidade do idioma pensando no seu futuro e nas xeracións novas.