O 27 de agosto na Sala Numax

O cineasta francés Jean-Marie Straub encontrarase cos espectadores en Compostela

De esquerda a dereita, Jean-Marie Straub, Pedro Costa e Danièle Huillet, durante a rodaxe de 'Onde xace o teu sorriso?'. Foto: cedida.

Con Danièle Huillet (1936-2006) formou unha das parellas máis radicais, formal e politicamente, do cinema europeo moderno. A eles débense filmes como canonazos, monumentais, difíciles, intansixentes, belos: Non reconciliados (1965), Crónica de Ana Magdalena Bach (1968), Moisés e Aarón (1975). Jean-Marie Straub (1933) visitará Compostela este 27 de agosto.
 

A Sala Numax e o Concello de Santiago organizan o encontro de Straub cos seus espectadores galegos dentro do ciclo A cor das palabras. Será ás seis da tarde e incluirá a “proxección en exclusiva” da última peza do cineasta, a curtametraxe Xentes do Lago (2018). Ao día seguinte, terza feira 28 de agosto, ás sete e media, presentará a derradeira sesión do programa dedicado á súa obra -e mais de Huillet- que leva varios meses na carteleira do cinema compostelán. Veranse os filmes Comunistas (2014), A guerra de Alxeria (2014) e O acuario e a nación (2015).

 

A Straub, opositor constante á sociedade do espectáculo e defensor dun cinema extremo, conectado con outras disciplinas -literatura e pintura sobre todo-, que procura a desintoxicación da ollada contemporánea, acompañarano varias amigas e compañeiras. O gran cineasta portugués Pedro Costa, que en 2001 filmou os métodos de traballo de Straub e Huillet na magnífica Onde xace o teu sorriso?, será un deles.

 

O profesor italiano Giorgio Passerone, actor de Xentes do Lago, e a actriz e produtora suíza Barbara Ulrich, estreita colaboradora de Straub, completan a expedición straubiana a Galiza. Que tamén conta coa axuda do Museo Reina Sofía de Madrid, da distribuidora Belva Films e da entidade La Plantación de Ourense.