CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Citizenfour"

peli1

A crítica das sextas achéganos a Citizenfour, a historia de Edward Snowden que o noso crítico define como "un documental de obrigado visionado para coñecer o mundo en que vivimos e indispensable para quen guste de teorías de conspiración". 


Ano: 2014
Duración: 114 min.
Nacionalidade: estadounidense
Directora: Laura Poitras
Fotografía: Kirsten Johnson, Trevor Paglen, Laura Poitras e Katy Scoggin

SINOPSE

En xuño de 2013, Laura Poitras e o periodista Glenn Greenwald reúnense en Hong Kong con Edward Snowden para a primeira de moitas reunións que desvelarán un dos maiores escándalos do século.

CRÍTICA

George Orwell xa avisaba na súa obra 1984 a finais dos anos 40 dos perigos opresivos dunha sociedade controlada polas grandes esferas que observa sen pudor aos seus cidadáns. Unha advertencia? ou quizais deu ideas? Porque si amiguiñ@s... o Grande Irmán xa está aquí. E leva unha chea de tempo observando. Citizenfour, un dos documentais máis galardoados do ano pasado, pon sobre o tapete os mecanismos gobernamentais que avalan que ninguén está a salvo de seren vixiado.

"Citizenfour, un dos documentais máis galardoados do ano pasado, pon sobre o tapete os mecanismos gobernamentais que avalan que ninguén está a salvo de seren vixiado".

En xaneiro de 2013, Laura Poitras pretendía pechar unha triloxía de documentais arredor do 11-S e sobre os abusos da seguridade nacional: My Country My Country con nomeación a Óscar en 2006, e The Oath gañadora da Mellor Fotografía no Festival de Sundance de 2010. Tras estas dúas películas os servizos de intelixencia norteamericanos puxeron a Poitras no punto de mira, de aí que un analista informático da NSA (Axencia de Seguridade Nacional) empezou a enviarlle correos electrónicos cifrados baixo o alcume de “citizenfour” advertíndolle desta circunstancia. A correspondencia empezou a ser regular durante meses ate que un día combinaron un encontro en Hong Kong baixo unhas precisas instrucións. Alá foron ela e máis os xornalistas de The Guardian, Glenn Greenwald e Ewen MacAskill.

Ese “citizenfour” resultou ser Edward Snowden, unha personaxe descoñecida ate a data. Cun caderno de notas, unha cámara e moitas preguntas, entrevistárono durante varios días dando lugar a incribles revelacións dunha trama de espionaxe cibernético internacional dos Estados Unidos non só contra os líderes mundiais, senón tamén sobre os propios cidadáns. Revelacións que eran retransmitidas ao mundo apenas unhas horas de seren coñecidas, o que lles levou a acadar o Pulitzer. Citizenfour nos desvela unha realidade da que todos intuíamos e escoitamos falar nos medios, pero ademais fai algo insólito, presenta de cerca ao mundo o lado máis humano e real dun informador. Alguén que soe estar na sombra. Pero aquí presenta a cara descuberta a Edward Snowden, un informático de apenas 30 anos con suficientes coñecementos como para ter o nivel máximo de acceso dentro dos sistemas de seguridade nacional dos Estados Unidos. Un home que viu en primeira persoa como a liberdade das persoas estaba minguando de maneira exponencial a medida que se ían desenrolando elaborados programas de espionaxe cibernético baixo os nomes de XKeyScore e PRISM, que implicaban de cheo a compañías como Microsoft, Facebook, Google, Yahoo, Skype, Youtube ou Apple que, loxicamente, se apresuraron en negar. É dicir, todo o mundo con acceso a internet controlado baixo un sistema de selección de palabras clave capaz de extraer milleiros de arquivos de audio, vídeo, fotos e emails nun só minuto. A maior arma de opresión de toda a historia.

"Snowden se coloca no lado oposto dos ditadores e decide desvelar esta trama, consciente sempre de que está a poñer en risco a súa vida e a dos seus seres queridos".

Snowden se coloca no lado oposto dos ditadores e decide desvelar esta trama, consciente sempre de que está a poñer en risco a súa vida e a dos seus seres queridos. E non é que Snowden fora un tipo solitario que lle importe todo un carallo. Non. Intuímos un tipo afable, con don de xentes, seguro de si mesmo e que ademais deixa atrás unha vida acomodada cun soldo de 200.000 dólares e unha namorada á que espera volver a ver algún día. Quizais neste punto nos asalte unha dúbida: que razóns podería ter entón para pór en perigo todo iso? Por que o fai? ...o aliñamento e o bombardeo sistemático de novas manipuladas polos medios pode facernos pensar así. A pregunta debería ir máis no sentido de: por que non se fixo antes? Por que non hai máis xente que o faga?

Edward Snowden négase a colaborar nunha “sociedade que fai ese tipo de cosas”. Non quere vivir “nun mundo onde se rexistra todo” o que se di. Quere un mundo onde se poida falar sen temor a que alguén estea escoitando. Coas novas tecnoloxías sabemos que iso non é posible e case que o damos por bo... Cada vez as leis están máis encamiñadas no control do que visitamos, o que vemos, o que compramos... Todos controlados. Controlados polo medo. O comunismo, o independentismo, as armas de destrución masiva... Ultimamente o conto vai polo xihadismo islamita. Andrómenas e mentiras manipuladas que anuncian diariamente nos medios para ter ao pobo caladiño e ben controlado. A historia de sempre... En fin, creo que me fun un pouco do tema.

"En decembro hai máis sobre Snowden, nada menos que da man de Oliver Stone. Promete... Mais como di o propio Snowden: “eu non son a historia neste conto”.

Volvendo a Citizenfour creo que lle sobran os primeiros 15 minutos de introdución. Están cheo de imaxes de arquivo algo inconexas e datos difíciles de asimilar que non cadran demasiado con que ven despois. Iso si, tras a interesante entrevista na habitación de hotel de Hong Kong, a cousa convértese nun auténtico thriller de espionaxe moito máis alucinante que calquera película de ficción. Abraia ver a calma coa que Snowden leva a situación cando recibe unha chamada anónima na propia habitación de hotel, dando a intuír que xa todos os medios de comunicación saben que está aí, e quen sabe se alguén máis. Calquera na súa situación poríase como mínimo algo nervioso, pero el nin sequera sufre unha inflexión na voz. Snowden mantén a calma. Calmo ate cando trata de urdir unha saída pola porta de atrás do hotel e nos momentos tensos en que trata de decidir se opta por Ecuador, Venezuela ou Islandia, os máis países seguros do planeta. Momentos moi reveladores sobre a situación mundial e sobre a personalidade de Snowden.

Citizenfour non é o documental do século, pero si un documental de obrigado visionado para coñecer o mundo en que vivimos e indispensable para quen guste de teorías de conspiración... aínda que neste caso sexan temas probados. En decembro hai máis sobre Snowden, nada menos que da man de Oliver Stone. Promete... Mais como di o propio Snowden: “eu non son a historia neste conto”.