Clara Bells: “Os proxectos diferentes son os que realmente perduran na memoria da xente”
-Por que decidiron pór en marcha unha produtora cultural?
A idea xurdiu cando nós traballamos xuntos en Cinzas, no ano 2017. Jose era o meu axudante de dirección, e nese primeiro proxecto descubrimos que tiñamos as mesmas inquedanzas, que non eran compartidas polo resto de integrantes do grupo de gravación. Cando rematamos o noso período estudantil no audiovisual, mantivémonos en contacto. Coa chegada da pandemia, veu unha época na que todas estábamos moi sentimentais, así que falámonos outra vez e retomamos a relación, xa que queríamos traballar xuntos. Iso foi o que deu pé a desenvolver unha produtora cultural. Con Toxo Verde non nos queríamos limitar só a proxectos audiovisuais, senón que queríamos incluír na empresa todo o relacionado coa xestión cultural: xestión de redes sociais, de eventos culturais... Entre os nosos servizos están os audiovisuais, os culturais, e a maiores tamén contamos con obradoiros en escolas sobre diferentes cuestións co cine e coa literatura galega. Xa impartimos algún, e queremos estendelo a outros grupos sociais e de idade.
-Cando lle naceu a vostede o interese pola cultura? É algo que tiña claro desde nena?
Penso que é algo que sempre estivo presente na miña vida. Comecei en teatro, e a partir de aí fun confeccionando o meu camiño. Estudei Realización Audiovisual, ao igual que Jose, e acabo de rematar a carreira de Ciencias da Linguaxe. Agora estou estudando Xestión Cultural. Ademais, son a fundadora do Canteira Fest. Intento estar pendente das novidades do mundo cultural en xeral e da cultura galega en particular.
-A pandemia supuxo unha situación moi crítica para o mundo cultural. Nese escenario, é máis difícil dar o paso e lanzar un proxecto como Toxo Verde?
En ningún momento tivemos dúbidas do que queríamos facer. A pandemia non foi algo que nos asustase nese aspecto. As únicas inquedanzas que tiñamos eran as comúns para todas as empresas, é dicir, se a produtora ía funcionar, porque o feito de especializarnos en contidos e eventos en galego pode facer que perdas clientes. Iso era o único que nos podía chegar a levantar unha certa preocupación. Pero realmente danos igual porque preferimos participar en proxectos cos que esteamos a gusto e nos que verdadeiramente queremos traballar, aínda que iso supoña ter menos clientes.
-Cales son as súas expectativas para estes primeiros meses de vida da produtora?
Agora mesmo xa temos algún proxecto axenciado. Queremos sacalos adiante e que veñan novos. Imos traballar tanto con proxectos de terceiros como con produción propia.
Unha parte do que gañamos cos primeiros irá destinada a financiar os segundos. Ademais, Toxo Verde tamén nos serve para escapar da precariedade laboral. Os dous levamos buscando emprego activamente desde que rematamos Realización Audiovisual, pero o sector audiovisual galego non conta con moitos postos de traballo dispoñíbeis.
Non queríamos estar outro ano paradas. Preferíamos comezar a cotizar, aínda que fose como autónomas.
-Que importancia ten para un proxecto cultural primar os ideais dos seus integrantes por enriba da busca dun proxecto comercial para gañar os máximos clientes posíbeis?
Para min é algo que ten moita importancia, porque os proxectos diferentes son os que realmente perduran na memoria da xente. Se fas o que fai todo o mundo, acabas converténdote nunha copia dun orixinal, e neses casos as persoas sempre tendemos á fonte primixenia. Penso que cada un ten que buscar o seu propio camiño e a súa propia identidade, pois iso é o que permite explotar as túas capacidades.