Coidado e máis coidado

A lagoa de Castiñeiras está situada dentro do parque natural de Coto Redondo na comarca de Vilaboa. (Foto: Turismo da Galiza)
A esencia da lagoa de Castiñeiras en Marín.

Entre os atractivos da península do Morrazo está a praia pero tamén  a montaña e as súas escapadas a espazos como a lagoa de Castiñeiras no concello de Marín (comarca do Morrazo). Trátase dunha balsa de auga artificial construída en 1950 co fin de conter as augas dos numerosos acuíferos perto do lugar durante as obras dunha calzada. Tras esta utilidade inicial -a modo de encoro- arredor da lagoa nacería unha contorna de biodiversidade que persiste hoxe en día.

Con todo, a súa situación até agora non permaneceu inalterábel e Castiñeiras tivo que experimentar varias intervencións ao reducirse severamente a súa capacidade, froito das fendas da súa presa, que poñían en risco a natureza que vivía no seu interior. Así, desde 2019 levouse a cabo unha seladura que, ao ter que baleirar a fauna, permitiu eliminar as especies invasoras que se instalaran no acuífero. 

A lagoa tivo que recuperar a súa capacidade e liberarse das especies invasoras 

Houbo especies que saíron temporalmente do ecosistema, como as troitas, que foron desprazadas a piscifactorías, pero tamén houbo outras que marcharon de maneira permanente como a carpa ou o cangrexo americano. Tras isto, Castiñeiras puido recuperar gran parte da súa profundidade e, pouco a pouco, a biodiversidade acuática grazas a procesos de repoboamento paulatino das troitas nestes últimos anos e que son supervisadas pola Comunidade de Montes de Santomé.

Xa fóra da auga, existe unha senda botánica que conta con árbores de más de 40 especies diferentes, desde o bidueiro de Douglas, o carballo boreal, o castiñeiro (de aí o nome do parque) ou arbustos como o buxo.

Por outro lado, Castiñeiras tamén contén historia, xa que a pouca distancia e entre todo o seu verde áchase o conxunto megalítico de Chan de Castiñeiras (Vilaboa), un dos máis grandes e representativos da Galiza. En total son sete dolmens dos que destaca a Mámoa do Rei, túmulo neolítico que data do 3.000 a.C. e de 25 metros de diámetro e mais de 2 metros de altura. Todo isto está presente no espazo natural de Castiñeiras.

Lagoa de Castiñeiras /  Parque Natural de Coto Redondo/ Vilaboa-Marín-Moaña / Coordenadas: 42°21'46.8" N 8°40'28.0" W