Colectivos memorialísticos urxen a declarar San Simón e Meirás como lugares da memoria

Carlos Babío, Montse Fajardo e Matías Da Torre con outros membros de IGM onte en Compostela. (Foto: Arxina).

A Lei da memoria democrática aprobada en outubro de 2022 recolle no seu anexo unha relación de lugares considerados de memoria no conxunto do Estado español, mais ningún deles se atopa na Galiza. O movemento memorialista galego reclama agora a incorporación a esta listaxe da illa de San Simón (Redondela) e do Pazo de Meirás (Sada).

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), plataforma que aglutina a maioría das asociacións do país que desenvolven a súa actividade no ámbito da memoria democrática, presentou esta caurta feira en Compostela unha proposta para lograr a declaración da illa de San Simón e do Pazo de Meirás como “lugares de memoria democrática”. A entidade entende que “ambos os enclaves destacan como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas”.

O voceiro dos colectivos memorialísticos, Matías da Torre, avanzou que xa comezaron “os trámites diante da Dirección Xeral de Atención ás Vítimas e Promoción da Memoria Democrática do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática do Goberno do Estado para corrixir a eiva que supón a carencia de espazos galegos no listado de lugares que inclúe o texto e, nomeadamente, a non inclusión de San Simón e do Pazo de Meirás malia a súa relevancia histórica e simbólica”.

“A aprobación das solicitudes”, explica Da Torre, posibilitaría afondar na divulgación tanto do ocorrido no tempo en que San Simón foi campo de concentración e o Pazo de Meirás foi residencia oficial da xefatura de Estado. E, engadiu, "por outro lado, garantiría a súa protección, evitando a súa utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática". Nesta liña, denunciou que "ou teñen o acceso totalmente restrinxido ou son utilizados para beneficio de empresas privadas que realizan na illa actividades contrarias ao seu carácter público e á súa condición de ben de interese cultural”.

A illa de San Simón funcionou como campo de concentración entre o outono de 1936 e a primavera de 1943, operando como centro de reclusión para milleiros de demócratas da Galiza e do Estado e sendo escenario de continúas execucións paralegais. O Pazo de Meirás foi entregado en 1938 ao ditador Francisco Franco após ser adquirido mediante a extorsión ás persoas propietarias dos terreos e á cidadanía, sendo o escenario onde se decidiron unha parte das políticas represivas do réxime franquista.

Galiza non conta na actualidade con ningún espazo cualificado como de memoria de democrática. Esta consideración téñena no Estado emprazamentos como o val de Cuelgamuros no municipio do Escorial en Madrid ou a zona urbana de Gernika, no concello vasco do mesmo nome. A non inclusión de ningún lugar da Galiza ligado á represión franquista nesta listaxe foi xa denunciada polo BNG no debate da Lei da memoria democrática no Congreso dos Deputados, no marco do cal os nacionalistas defenderon esta consideración para a illa de San Simón e o Pazo de Meirás.

Encontro nacional

A Iniciativa Galega pola Memoria deu a coñecer esta iniciativa coincidindo coa presentación dos actos do encontro nacional da memoria convocada para este domingo, 21 de xullo illa de San Simón, onde intervirán a escritora e historiadora Iria Morgade e o poeta Claudio Rodríguez Fer.