MÁIS

O combate de Monte Alto (I)

Lembro as sombras do cemiterio civil de San Amaro (Foto: Maribel Longueira)
Primeira entrega do relato de verán de Francisco X. Fernández Naval "O combate de Monte Alto"

A Camilo de Dios, in memoriam

A homenaxe

Lembro gris a tarde do 6 de novembro de 1998 na cidade da Coruña, cor que se expresaba silenciosa e íntima entre as sombras do cemiterio civil de San Amaro. 

A xente foi chegando aos poucos, congregándose baixo os umeiros, diante da campa cuberta coa bandeira da República. Algo máis alá, cara o centro, situáronse os músicos. Cumpríanse 50 anos da execución de Gayoso e Seoane na cadea da cidade. Algúns dos asistentes portaban bandeiras do partido comunista, republicanas, tamén galegas. Tomaron a palabra camaradas do partido. Cando soou a música, a tarde foi das pombas que levaban nas súas ás os nomes de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez, escritos con letra azul nunha táboa branca de madeira, que, por primeira vez en medio século, proclamaba a súa memoria sobre a fosa anónima que acollera os corpos. Os músicos interpretaron o "Himno de Riego" e "A Internacional", entoadas con emoción polos asistentes.

Ao rematar o acto achegueime a saudar a Manolo Peña Rey, veciño da miña casa en Ourense e, daquela, secretario xeral do Partido Comunista de Galicia. Á súa beira estaba un home alto e forte, de ollar franco e expresión serena, dura e bondadosa ao tempo. 

—Coñeces a Camilo de Dios? -preguntoume Peña Rey.

Eu sabía algo del como guerrilleiro antifranquista, pero non o coñecía. Saudámonos. El confesoume con franqueza que escoitara falar de min como escritor, pero que nunca lera nada meu. Naquel momento xerouse entre os dous unha corrente espontánea de afecto que ía perdurar no tempo. Deixamos atrás a táboa cos nomes de Gayoso e Seoane e saímos do cemiterio. Tras as despedidas, cada quen colleu o seu camiño. 

Un grupo reducido subimos as escaleiras, cruzamos a rúa Orillamar e camiñamos cara á rúa da Torre. Camilo e eu continuamos xuntos, sen deixar de falar. Eu tiña a impresión de coñecelo dende sempre. O grupo esfiañábase seguindo a beirarrúa. Alguén foi citando a todos no bar Porta do Sol, no Campo da Leña. 

Contoume que a guerrila tentara asaltar a cadea para liberar a Gayoso e Seoane. Malia vivir no barrio dende 1986, era a primeira vez que tiña noticia dese feito

Cando chegamos á esquina da rúa da Torre, Camilo detívose e ollou cara o norte, en dirección á Torre. 

—Hai 50 anos, nesta rúa libramos un combate.

Segundo camiñabamos cara o lugar de encontro, contoume que a guerrilla tentara asaltar a cadea para liberar a Gayoso e Seoane. Malia vivir no barrio dende 1986, era a primeira vez que tiña noticia dese feito. Non sei cal foi a razón pola que Camilo me escolleu como cómplice aquel día, pero rúa da Torre abaixo, confioume a historia e no seu narrar eu crin advertir un exercicio de exorcismo, a necesidade de sandar unha ferida. 

Quen analice as biografías de José Gómez Gayoso e de Antonio Seoane Sánchez pode advertir fíos sutís que os vinculan e que agoiran un destino común. 

Antonio Seoane Sánchez naceu en Boiro en 1906. En 1911 os seus pais emigran a Bos Aires, instalándose no barrio de San Telmo. O pai compaxina o traballo de carpinteiro co de carboeiro, nun almacén do que é propietario. O traballo da nai, alugando cuartos, completa a economía familiar. Seoane estuda e entra a traballar no diario La Prensa, ao tempo que desenvolve unha grande actividade na Federación de Sociedades Galegas. En 1939 ingresa no Partido Comunista de España. Casa con Saladina Cruz, delegada sindical da Fábrica Arxentina de Alpargatas, coa que terá un fillo, Jorge Francisco, a quen eu coñecín no ano 2007, nun acto na Federación, no que se rendía homenaxe a Arturo Cuadrado. 

José Gómez Gayoso, fillo de zapateiro, naceu en Maceda en 1914. A familia trasládase a Vigo, onde Gayoso estuda cando pode e chega a ser contable na casa de máquinas de coser Singer. Ingresa nas Xuventudes Socialistas Unificadas e logo no Partido Comunista de España. O día 18 de xullo de 1936 está en Madrid, onde acudira para asistir a un curso de formación marxista. Intégrase na organización madrileña do partido, traballa como comisario político do exército do centro e viaxa á URSS. Ao regresar é nomeado comisario de batallón no exército do Ebro. Tras a derrota da República pasa a Francia e dende alí viaxa primeiro á República Dominicana e logo, en 1940, a Cuba. Na Habana casa con Concepción Abad Rodríquez coa que terá un fillo, José Gómez Abad. 

[Continúa esta cuarta feira]