Comeza a Praza dos Libros de Carballo: creatividade galega a pé de rúa

@nelvidalbarral

De quinta feira a domingo Carballo acolle unha nova edición desta cita Os libros convivirán a quinta 28 e o domingo 31 coa feira tradicional de produtos da terra. Ademais, as compras levarán de agasallo o libro Os Bolechas en Carballo, e o domingo pola mañá, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas tamén cun Pan de Carballo.

Máis un ano, Carballo acolle a Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural organizada polo Concello e que nesta edición vai decorrer desta quinta feira 28 ao domingo 31 de agosto, unha cita “que procura achegarlle á cidadanía a creatividade galega a pé de rúa”. Así, literatura, actividades lúdicas, música infantil, presentacións, actuacións, lingua, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encherán de vida e imaxinación o Xardín Municipal de Carballo durante catro días.

Esta edición contará con dúas publicacións en primicia: o libro Contos de taberna –no que participan máis de 30 creadores/as con textos e ilustracións baseados en bares de Carballo– e o libro infantil Os Bolechas en Carballo. Ademais haberá animación con Os tres tenedores, Ciclobiblioteca, Migallas, Os Bolechas, Luís Prego ou Raquel Queizás; presentacións de Suso Lista, Rosalía F. Rial, Fernando Cabeza Quiles, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto, Mercedes Leobalde, Xosé Iglesias ou Ramón Vilar; debates, obradoiros, etc., para configurar así un completo programa de difusión da creatividade cultural na rúa e concentrado en catro días.

E as crianzas? Non terán tempo de se aburrir!

A participación infantil tamén se contempla no programa. Así, as crianzas contarán con diversas actividades, como o concerto humorístico Petiscos musicais, de Os Tres Tenedores (quinta feira ás 18.30 h), o obradoiro Xogos musicais, de Luís Prego (sexta ás 12.00 h), a animación da Ciclobiblioteca (sexta ás 17.30 h), o concerto infantil Merenda con pan de millo, de Migallas (sexta feira toda a tarde), obradoiros creativos do grupo artístico Creaformas (sábado toda a tarde), o contacontos A maleta da avoa, de Raquel Queizás (sábado ás 18.30 h) ou o pasarrúas d’Os Bolechas (domingo pola tarde).

Tamén é de destacar que a carón dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois a quinta feira 28 a Praza dos Libros convivirá coa feira e o domingo 31 co feirón de verán de Carballo, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.

Na Praza dos Libros terán presenza sete librarías, que traerán a creatividade galega para que quen queira tamén a poida levar para a súa casa: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e Couceiro (da Coruña). O horario de apertura é de 11.00 h a 14.00 h polas mañás e de 17.30 h a 21.30 h polas tardes.

Para fomentar a compra de libros, ademais do desconto do 10% e do agasallo o domingo pola mañá dun pan de Carballo, as persoas que acumulen compra por valor de 30 euros na feira serán agasalladas cun exemplar de Os Bolechas en Carballo.