Comeza a publicación do material lingüístico prelatino da Galiza

Valentín García na presentación da sexta feira, 19 de xullo.

O secretario xeral da Lingua participa na presentación do libro inaugural da colección ‘Tesouro paleogalaico’ do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou esta sexta feira, 19 de xullo, na presentación do libro Documentación epigráfica do teónimo deus Lar Berobreus. Edición e comentario lingüístico, volume inaugural da colección Tesouro paleogalaico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase da primeira das publicacións dunha iniciativa que pretende recoller todo o material lingüístico prelatino da Galiza para o seu estudo, así como doutros territorios, especialmente con linguas célticas.

A publicación supón o primeiro estudo lingüístico das aras dedicadas ao deus Lar Berobreus do santuario tardorromano (s. III-VI d. C.) do monte do Facho, na parroquia canguesa de Donón, entre as que destacan os nomes prerromanos e as referencias a formas propias do latín vulgar que derivarían logo no galego
e portugués.

O traballo contén un comentario arqueolóxico de José Suárez Otero, outro lingüístico de Juan Carlos Búa Carballo e un catálogo dos altares do Facho, con texto do mesmo Búa en coautoría con Beatriz García Turnes e Isabel Beltrán López. 

O proxecto Tesouro paleogalaico estrutúrase en dous grandes bloques, o do material onomástico e máis o do léxico románico de orixe prelatina. Aínda que ambas partes están estreitamente ligadas, as súas distintas características, a diversidade das fontes de documentación, das problemáticas que encerran, das ciencias implicadas e dos coñecementos necesarios impoñen esta segregación do material.