Cinco compañías galegas incorpóranse ao cartel do Festival de Teatro Cómico da Maia

Espectáculo 'Sorrisos' que Teatro Só levara a Maia. (Foto: FITCM)
A XXVI edición do evento, que comeza esta sexta feira 1 de outubro, contará con 25 grupos.

A Galiza terá unha presencia case similar a Portugal na XXVI edición do Festival Internacional de Teatro Cómico da Maia (FITCM) que decorre entre esta sexta feira e o 10 de outubro con representación de 25 compañías cuxo traballo responde a diferentes estilos pero sempre cun obxectivo común: o divertimento. Nesta ocasión, cinco formacións do país contribuirán a ese reto que é provocar o sorriso do público, aínda máis nun contexto de pandemia. 

Do total de compañías convidadas oito serán portuguesas -Diana Sá; Victor Valente; Marionetas Rui Sousa; Companhia do Chapitô; Trigo Limpo e Teatro Acert; Companhia XPTO; Oli and Mary e Teatro dos Aloés- mentres que desde o país chegarán cinco. Trátase de Pedras de Cartón, Elefante Elegante, Peter Punk Pallaso, Culturactiva e Producións Teatrais Excéntricas. 

Aliás, apóstase noutras nacións dentro do Estado español ao contar na programación con La Industria Teatrera e Inda Pereda (Catalunya) e Malas Compañías, Zirko Caldea e Oihulari Klown (Euskadi). O resto de propostas chegarán de España, de Alemaña e de México. 

A programación distribuirase tanto nos exteriores e interiores do Fórum da Maia como no centro da cidade, fornecendo múltiples oportunidades de entretemento para as espectadoras.

“Esta edição promete ser muito variada em termos de disciplinas e estéticas teatrais; apresentará múltiplos temas e tipos de humores de que o teatro se serve para representar artisticamente a vida da humanidade, a sua efemeridade, contexto e circunstância”, destacan desde a organización do festival. 

Haberá até oito estreas absolutas en Portugal, varias delas promovidas polas compañías galegas, algunhas das cales mesmo chegarán a Maia con varios espectáculos previstos.

Para as e os interesados en acudir a este Festival do Teatro Cómico cómpre saber que a programación diaria comeza ás 21 horas ao aire libre. Abre a actividade unha peza curta de acceso libre e destinada a todos os públicos. A cita principal da xornada terá lugar ás 21.30 horas no Auditorio. "Nas sextas e sábados e no dia 4, véspera do feriado do 5 de outubro, decorrerão espectáculos noutros espaços interiores do Fórum pelas 23 horas", indican desde o evento, que tamén preparou actividades para nenos na fin de semana.

Desde a organización lembran que neste proxecto “o cómico é tratado como coisa séria à procura d'o riso (que nos) imune contra a barbárie” e non é momento de perdelo.