Así será a V Festa do Banquete de Conxo de Compostela

María Rozas e Goretti Sanmartín, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
Letras e música para reivindicar a memoria.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a tenente de alcaldesa, María Rozas, presentaron esta terza feira o programa completo de actividades da quinta edición da Festa do Banquete. O día grande da Festa será o domingo 26 de maio, cos desfiles teatralizados, o pregón e a posterior romaría popular na carballeira que estará amenizada por distintas actuacións musicais. Ambas responsables políticas fixeron un chamamento á participación de toda a veciñanza tanto na festa do domingo como no amplo abanico de actividades que ofrece o programa.

A xornada central da V Festa do Banquete de Conxo será o domingo 26 de maio, que arrancará co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela ata chegar á praza de Conxo. A continuación a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo, na que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional "Serán da Fraternidade" con xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.

"Será unha festa da fraternidade, da liberdade e da igualdade; uns valores que simbolizan aquel acto histórico do Banquete de Conxo, que reuniu no século XIX estudantes e artesáns na antiga Carballeira de Conxo", sinalou a rexedora que animou participar nesta festa “para facer comunidade como evoca aquel acontecemento de 1856".

Ademais, a alcaldesa destacou a implicación da parroquia de Marrozos por primeira vez nas Festas que se materializará na lectura do pregón inaugural por parte de María Luísa Otero, na participación da Asociación Pena Maior nun obradoiro de baile tradicional e nos percorridos do Tren do Banquete.

Luísa Villalta

Compostela celebrará o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, coa campaña "Andei por Santiago/pisando estrelas" coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta.

A rexedora recordou que a poeta, ensaísta e narradora Luísa Villalta "mantivo unha vinculación importante coa cidade de Santiago" e por este motivo o Concello quere unirse a esta celebración empregando o verso co que a autora comeza un dos seus poemas "no que fai referencia a diferentes lugares pols que adoitaba pasar ou teñen unha especial significación para ela".