O Concello de Pontevedra estará no Festival de Cine de San Sebastián

Acto de presentación dos 'Premios Feroz' en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra)
O alcalde asistirá á presentación dos Premios Feroz en Euskal Herria.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dunha delegación co Concello estará presente esta fin de semana no Festival de Cine de San Sebastián, en Euskal Herria.

Participarán na rolda de prensa oficial dos Premios Feroz [que en 2025 e 2026 serán na cidade do Lérez], dentro da programación deste ano da cita co cinema internacional. O rexedor Fernández Lores dixo esta terza feira que este festival é "un dos eventos máis importantes da cinematografía mundial". Amosou tamén o rexedor a súa ledicia e orgullo e convidou a “sacar peito da nosa cidade, por ver Pontevedra dentro desta cita”. Lores asegurou que “non hai mellor campaña promocional”.

Segundo explicaron esta terza os responsábeis municipais, a delegación pontevedresa estará en Donostia o sábado na sala de prensa da sede do festival. 

Alí participarán no encontro cos medios de comunicación acreditados para o Festival xunto con María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos.

O alcalde de Pontevedra asegurou que nesta rolda de prensa "convidaremos todos os presentes a visitar a nosa vila. Durante esa rolda de prensa do sábado anunciarase o nome da persoa que exercerá coma presentadora dos Premios Feroz en Pontevedra e entregarán o Premio Feroz Zinemaldia á mellor película en competición da sección oficial do Festival de San Sebastián. 

Sonia Méndez, finalista con 'As Neves'

A Fundación SGAE deu a coñecer esta terza feira as e os cineastas finalistas da oitava edición do Premio Dunia Ayaso 2024, que se entregará esta sexta feira no marco do Festival de San Sebastián. Sonia Méndez por As Neves' é finalista a este premio.