MÁIS

Corenta anos co folk por diante en Moaña

Iván Costa, Anxo Lorenzo, Xabier Blanco e Xosé Manuel Budiño actuarán despois de 38 anos sen tocar xuntos . (Foto: Diego Seixo)
O Festival Intercéltico do Morrazo (FIM) leva desde 1985 celebrándose ininterrompidamente. A música folk da nosa terra combinarase co panorama celta internacional do 23 ao 28 de xullo. Moaña estará chea de actuacións, actividades e folclore tradicional galego en todos os recunchos da vila. 

Quen lles ía dicir aos integrantes da Escola de Gaitas Semente Nova  todo o que chegarían a ser as súas Noites Celtas no Morrazo corenta anos despois. Porque o festival máis lonxevo da Galiza, celebrado ininterrompidamente desde 1985, creouse de casualidade. "Empezou como unha forma de pasar as noites de verán facendo foliadas xuntos", así nolo conta Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo de Moaña e membro do comité organizador do Festival Intercéltico do Morrazo (FIM).

Agora, corenta anos despois desas humildes foliadas, este festival segue a ser un referente da música celta na Galiza. Todos os anos, durante a última fin de semana de xullo, a vila de Moaña (O Morrazo) acolle grupos chegados de diferentes recunchos do planeta que levan a música folk como selo identificador. Este ano, o festival encetará oficialmente o 25 de xullo no Palco da Música da vila, ao pé da ría. O FIM conta cun comité organizador totalmente público e moi implicado no festival ano tras ano. Intégrano Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, xunto coa citada Coral Ríos e Daniel Costas, concelleiro de Cultura. O festival posúe ademais un comité asesor a nivel técnico e artístico no que están diferentes artistas de renome que empezaron as súas andaduras no mundo musical en Moaña.

Co gallo do 40 aniversario do FIM, a Deputación de Pontevedra financiou integramente o libro FIM: Unha historia do intercéltico, escrito por Anna R.  Figueiredo. A propia autora define o libro como "unha peza documental que recolle un dos múltiples relatos do Festival Intercéltico do Morrazo desde o seu nacemento até a pasada edición do 2023". A obra inclúe a historia do Intercéltico xunto coa da vila, empregando testemuñas e imaxes de edicións pasadas. Presentarase mañá ás 20 horas na Praza de Abastos de Moaña. O acto fecharase coa actuación de Tim Edey & Ross Ainslie, grandes referentes do panorama musical escocés.

O mundo celta en Moaña

Ao longo dos anos, o Festival Intercéltico variou moito a súa programación. Durante un período apostou por mesturar o teatro co folclore celta, actividade moi innovadora. Nesta edición, o cartaz fórmano nove artistas e grupos chegados da Galiza, Irlanda e Escocia. 

O Intercéltico de Morrazo comezará esta XL edición arroupado por artistas moañeses. Xabier Blanco en raíz abrirá o festival o vindeiro 25 de xullo ás 22 horas. O mestre gaiteiro pretende achegar a música de raíz a Moaña e para iso conta coa colaboración de antigos e actuais membros de Semente Nova, xunto con Fundación Legar e O Comboio Novo, entre outros. Despois será a quenda de Eoghanxo Unit, un proxecto do gaiteiro moañés Anxo Lorenzo en colaboración con Eoghan Neff, violinista irlandés, Jorge Juncal aos sintetizadores e José Stewart na batería. O primeiro día do FIM fechará con Finlay Macdonald Trio, chegado desde Escocia. Foi un dos primeiros gaiteiros en recibir unha licenciatura en música e gaita escocesa pola Royal Scottish Academy of Music and Drama. 

Iván Costa, Jaime Rebollo e Diego Langarika comezarán a xornada da sexta feira co seu grupo Obal. Esta banda mestura a música tradicional co baile,  empregando un bouzouki, unha zanfona e un nyckelharpa como instrumentos. Mercedes Peón tomará o relevo para celebrar no FIM o vixésimo aniversario do seu disco Ingrávida. Os sete gaiteiros dos Melidaos serán a derradeira actuación deste día. O grupo de música de raíz vén de gañar a XI edición dos Premios Martín Códax da Música, na categoría de Música Tradicional.  

Xarabal tamén celebra 40 anos nos escenarios e escolle o derradeiro día do FIM para espallar a súa música tradicional. Máis de trinta intérpretes conforman a banda de gaitas actual e fundada por Antón Corral, que aposta pola mestura de instrumentos tradicionais galegos con outros de diferentes puntos do mapa, como o bouzoqui ou o acordeón. O artista Budiño aproveitará o Intercéltico para presentar o seu último traballo, Branca Vela, en colaboración con artistas como Guadi Galego, De Vacas ou Leilía, entre outros. Esta corenta edición fechará da man de Brighde Chaimbeul & Cyril O'Donoghue, chegados desde Escocia e Irlanda, respectivamente. Dúas grandes mostras do panorama musical céltico internacional para rematar esta fin de semana de oda ao noso folclore. 

Un ano máis, a MOA

A Mostra de Artesanía e Cultura Tradicional de Moaña non faltará ao 40 aniversario do Festival Intercéltico do Morrazo. A súa terceira edición abranguerá do 23 ao 28 de xullo. Conta cunha programación  ateigada de obradoiros, expositores, desfiles e actuacións musicais e de danza tradicional. Nos diferentes días da MOA actuarán diversas bandas e cantareiras da contorna do Morrazo, promovendo que todos os habitantes da comarca sintan esa conexión co Festival Intercéltico. A Mostra é obra da Asociación Moaña AntiQua coa colaboración do concello.

Xuntos de novo no FIM

Corenta anos pondo a nosa música por diante non se celebran todos os días e desde o comité organizador sábeno. É por iso que baixo o concerto inaugural do Festival Intercéltico xuntaranse por vez primeira en 38 anos catro músicos referentes do panorama galego actual e que teñen as súas raíces en Moaña. Xabier Blanco, Anxo Lorenzo, Iván Costa e Xosé Manuel Budiño coincidiron en Semente Nova cando o Intercéltico estaba aínda comezando a andar.  Catro décadas despois, cada un deles é un gaiteiro de referencia na Galiza, feito que lles impediu cadrar baixo un mesmo foco durante máis de 35 anos. Polo Palco da Música pasarán diferentes integrantes de Semente Nova, banda de gaitas fundadora do Intercéltico, que ao longo de corenta anos deixaron a súa pegada, ou a súa semente, na banda. 

Xabier, Anxo e Iván forman parte do comité asesor do FIM e, xunto con Xosé Manuel, xuntaranse para tocar un tema co nome de Muiñeira das muiñeiras. "Xuntalos foi un labor titánico" declara Coral Ríos. Con todo, as súas diversas axendas non lles impediron celebrar o aniversario do festival que os viu mergullarse na noso folclore por vez primeira.