A Coruña acolle en agosto a 27ª edición dunha renovada Viñetas desde o Atlántico

Paula Mayor, Rosario Fernández-Albalat, Manuel Cráneo, Inés Rey, Gonzalo Castro, Bernal Prieto e Natividade Rodríguez na presentación de Viñetas desde o Atlántico. (Foto: Vanessa Rábade)
Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converterase un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia, a primeira baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. 
 

Unha nova edición cunha nova dirección e unha nova estrutura. En 2023, despois da dimisión de Miguelanxo Prado -quen fora o director de Viñetas desde o Atlántico desde os seus inicios- a supervivencia do festival pareceu perigar até que unha reacción unánime do sector logrou rescatar o encontro cunha edición de emerxencia que aseguraba a súa continuidade. Ademais, a banda deseñada galega emitía unha mensaxe de unidade que probabelmente foi determinante para que o Concello da Coruña apostase pola renovación e consolidación dunha cita que, sen dúbida, se convertera na maior referencia do cómic galego. Este ano, con Manel Cráneo como novo director, Viñetas comeza unha nova etapa na que a internacionalización e a atención ás novas voces e a banda deseñada independente e experimental marcarán o paso.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o novo director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, acompañados pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade Rodríguez, a xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galiza, Rosario Fernández-Albalat Ruiz e algunhas das autoras galegas participantes, presentaron onte en rolda de prensa as novidades que traerá o encontro neste 2024. Entre elas, destaca unha nova estrutura vertebrada arredor de seccións especializadas orientadas a diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola.

18 exposicións

A sección central do programa será Viñetas Expo, que presentará 13 exposicións individuais e colectivas de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras. As temáticas sociais e a internacionalización -coa ollada posta en América Latina- son as claves da cita. Genie Espinosa -autora do cartel desta edición-, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos contarán con exposicións monográficas do seu traballo.

O festival quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho.

Ademais a exposición colectiva de autores e autoras galegas Toriyama en Galicia rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

A cita contará, ademais, cunha exposición dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, organizada pola Asociación Autobán. En total, o Salón do Cómic acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos. A isto hai que sumar que, por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego -Gaspariño de Xaquín Marín- súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves.

Punto de encontro

Viñetas Show levará a banda deseñada ao espectáculo a través de actividades diarias no Teatro Colón: un ciclo de cinema baseado en obras de BD —no que se proxectarán Black is Beltza II: Ainhoa, de Fermin Muguruza, Tungsteno, adaptación da novela gráfica de Marcello Quintanilha, e os filmes para toda a familia Rebelión en la granja e Persépolis-; o show Viñetas Late Night con entrevistas a convidados e convidadas (Fermin Muguruza, Susanna Martín, Genie Espinosa, Jorge Campos, Kundo Krunch, Lucas Varela, Yeyei Gómez, Marc Torices e Marcello Quintanilla) e un concerto ilustrado de Sangre de Muérdago, con Xulia Vicente e Sekone, en colaboración con Autobán. 

Pola súa parte, Viñetas Rúa BD mantén a súa esencia de punto de encontro para a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas.

Viñetas quere especializar a feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o Estado, cun total de 36 expositores: 24 editoriais, 10 librarías, 1 asociación profesional e as Bibliotecas Municipais da Coruña.

No programa da Rúa da BD haberá firmas con máis de 60 autoras e autores (entre outros, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero...) ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e dous espectáculos.

Un festival para todas

Ademais, Viñetas Mini será a sección infantil de divulgación e entretemento, que reunirá contacómics, obradoiros e un concerto infantil. Viñetas Ñam! nace como festival gastronómico no que varios restaurantes locais dedicarán un prato da súa carta a personaxes e series de cómic.

Viñetas Pro engloba as actividades para profesionais e estudantes do sector, concentrando obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais. Viñetas desde a Escola é o plan para centros de ensino con obradoiros de iniciación ao cómic -que tiveron lugar o pasado mes de maio- e visitas guiadas programadas no último trimestre do ano.

Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico deseñou un plan de inclusión social, Viñetas inclusivas, que integra lingua de signos no Viñetas Late Night no Teatro Colón e que se completará cunha semana de actividades destinadas a colectivos desfavorecidos no mes de setembro.

Finalmente, Viñetas BD é a nova publicación do festival: un libro en formato cómic que substitúe ao tradicional catálogo para acercar a todos os públicos o programa do festival.