A Coruña acollerá a Semana do Cinema Galego do 8 ao 13 de marzo
Esta terza feira presentouse na Coruña a programación da terceira edición da Semana do Cinema Galego, que se realizará no Teatro Colón do 8 ao 13 de marzo.
Esta mostra exhibirá as producións galegas máis recoñecidas dos últimos meses, como as longametraxes e documentais finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022.
No acto de presentación, participaron o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá Juan Ignacio Cordeiro, e a actriz Carmen Méndez, en representación da directiva da Academia Galega do Audiovisual (AGA).
Evento de referencia
Con esta terceira edición, a academia quere consolidar esta mostra como o "gran evento cinematográfico de referencia na Galiza". A intención é impulsar un punto de encontro para o público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios principais como xa fan outras como Málaga, Cannes ou Venecia.
Nesta iniciativa entra a colaboración entre o Concello da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual que continuará coa celebración da gala dos Premios Mestre Mateo. O seu vixésimo aniversario celebrarase en formato presencial, o día 19 de marzo no recinto feiral Expocoruña.
Entrega do XI Premio José Sellier
Neste contexto, cando se cumpren 125 anos das rodaxes de Sellier, o Concello e a Academia Galega Audiovisual impulsarán neste 2022 a entrega do XI Premio José Sellier.
O fotógrafo galego de orixe francesa, autor de títulos como títulos como Orzán, ondada e Fábrica de gas, é un dos referentes buscados desde a propia Academia para sinalar a importancia desta cidade co cinema.