CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Costas: "Non me contes a túa vida"

Costas

Miguel Costas é unha das figuras fundamentais no rock galego.  Quen fora fundador e inconfundíbel voz de Siniestro Total e compositor degran parte dos seus éxitos, así como artífice de Aerolíneas Federales, volve á carga co seu novo disco: Non me cuentes tu vida, impregnado da esencia dun Costas en estado puro.

Moitos lle perderon a pista a Miguel Costas despois de abandonar Siniestro Total en 1994, pero o certo é que nunca deixou de gravar e pisar os escenarios, primeiro baixo o nome de Los Feliz e dende 2008 co seu propio nome.

Din que co tempo os músicos van evoluíndo e madurando, mais cando se trata dun dos personaxes máis bagunceiros e irreverentes ese axioma por sorte sempre falla. Escoitar os 11 temas que compoñen este traballo é unha viaxe musical na que o novo e o vello xúntanse creando un ambiente case atemporal.

Bestia, un tema espido e directo, é o comezo desta viaxe de 31 minutos, na que os seguidores da banda atoparán agradábeis sorpresas como que por fin se editan auténticos himnos como El Botellón e Yo que sé, que dende hai anos formaban parte do repertorio en directo mais que nunca foran editados de xeito oficial. No quedan aquí as sorpresas, xa que tamén inclúe Inmunízate, unha revisión actualizada e moi mellorada dun dos bonus tracks dixitais de Condenados a Costas

O Costas máis punk atopámolo en Carne de Cañón, un dos temas máis rápidos do disco e cunha divertida letra feita a base de frases tópicas ao que lle segue Diferente, un tema reivindicativo e combatente contra os que manexan o sistema que ben se podería converter nun novo himno xeracional.

O primeiro single extraído do disco é De Palisandro,  que non deixa de ser unha clara declaración de intencións do que sempre foi a carreira de Costas, unha aposta por facer o que sempre lle petou sen deixarse levar polas modas nin polo mercado.  E seguindo este camiño en contra dos canons, achamos Leonor, unha divertida anti-balada que conta como rexeita á muller máis fermosa e perfecta da que todos están namorados.

Os compases de Sálvame fan lembrar ao Anarchy in the UK  que lle dará un delicioso recendo aos Sex Pistols aínda que evolúe  por uns terreos máis escuros, cunha letra deprimente aínda que cunha xanela aberta ao salvación. Tamén musicalmente  escura é Tal Para Cual o que contrasta coa letra optimista.

Pecha o disco Old, Wild & Free,  un tema que se converteu no meu favorito dende a primeira escoita. Non sei si por ese aire festeiro, por escoitar a Costas cantar un retrouso en inglés ou porque ben a poderían ter gravada The Clash e converterse nun éxito mundial.

De palisandro, madeira da que están feitos os diapasóns das guitarras dende que Leo Fender substituíra a madeira de bordo por esta madeira, está feita a gorxa de Miguel Costas. De puro rock divertido, xenial e sen complexos e de palisandro está feito No me cuentes tu vida,, ese disco que estabamos agardando que por fin fixera Costas. Non vos deixedes enganar por imitacións, se non é Costas, non é o auténtico. 

Listaxe de temas
1. Bestia
2. Yo que se
3. Carne de cañón
4. Diferente
5. El botellón
6. De palisandro
7. Inmunízate
8. Leonor
9. Sálvame
10. Tal para cual
11. Old, wild & free
 

Costas na Rede
Web: www.miguelcostas.com
Facebook: www.facebook.com/BANDACOSTAS/
Twitter: @COSTAS_Banda

Vindeiros Concertos
23/04: Sala Le Club (A Coruña)
30/04: Aldeola Galega Festival (Malpica de Bergantiños) 
03/06 OurenRock (Ourense)