Cristina Morales e Miguelanxo Prado abrirán a Selic en Compostela
O Festival da Lectura Selic comeza esta sexta feira en Compostela e faino cunha cargada axenda de actividades. Na praza da Quintana, o protagonismo será para Cristina Morales e Miguelanxo Prado, mais tamén para outras propostas creadoras.
Alén da capital, Antía Yáñez encontrarase coa rapazada do IES Fin do camiño de Fisterra e as gañadoras do premio Selic 2023, Carme Varela (Faise o escuro) e Puri Cabido (Areanegra na casa encantada), conversarán sobre as súas obras galardoadas.
Haberá, ademais lecturas dramatizadas con Mónica Camaño, Xosé Barato e Inés Salvado arredor dos libros editados por Irmás Cartoné Kyra Kyralina (Panait Israti), A campá de vidro, (Sylvia Plath) e Canas ao vento (Grazia Deledda).
Marilar Aleixandre e Fran Bueno asinarán exemplares d'Os escachapedras (Demo Editorial).
Teatro e andainas
Por outra parte, a Selic, nesta sétima edición, contará coa compañía Chévere que fará un repaso pola súa obra publicada a través dunha performance titulada
O papel de Chévere. Deste grupo, o 14 de xuño estarán Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira para facer unha viaxe polos seus 35 anos de axitación cultural, como recoñece o volume editado por Kalandraka.
Recibirá tamén unha achega singular a obra teatral Doentes (Edicións Positivas), de Roberto Vidal Bolaño, a través dun paseo dramatizado, o 11 de xuño, da man de Mónica Camaño e Silda García.
O festival contará, ademais, con paseos enmarcados na nova sección criminal. Serán o 14 de xuño, con Lito Vila, e ao día seguinte con Suso de Toro. Estas andainas chegan da man da AELG.