Contracultura

Cristina Rommel, escultora: "Na miña casa vou xirando as esculturas para mudar a perspectiva, xeran distintos ambientes"

A escultora Cristina Rommel. (Foto: Nós Diario).
Cristina Rommel (Bos Aires, Arxentina, 1978) é escultora especializada no figurativo e abstracto, utilizando diversos materiais segundo as necesidades que presente cada obra. Rommel é alemá e arxentina e mais galega, reside en Domaio (Moaña). É a autora da escultura do editor e ex alcalde nacionalista de Compostela asasinado polo franquismo, Ánxel Casal, situada diante da biblioteca da capital galega que leva o seu nome. Cristina Rommel está a expor en O Grove, Vigo, A Coruña e Madrid.

—Centrándose en temáticas e técnicas tan variadas, que é o que máis desfruta?
Busco o material dependendo da temática que trate. Veño de rematar unha serie centrada nos sete pecados capitais, que son decapitacións, e fixen tres obras en bronce, dúas en aluminio e dúas en mármore. O material sempre depende do que queira transmitir e do que eu vaia sentido. Non estou namorada con ningunha técnica en concreto. Para min é moito máis libre traballar desta maneira.

O meu obxectivo é non encaixarme nun único material porque temos a sorte de poder traballar con moita variedade, hai moitas posibilidades. Evidentemente cada material hai que traballalo ben, mais isto é no que levo xa 23 anos. 

—Das súas obras tamén salienta como están situadas no espazo.
A escultura é volume. A min gústame que as obras non sexan frontais, senón que ti poidas percorrelas, que te intrigue ver que é o que pasa do outro lado. Por exemplo, cando fixen a obra de Ánxel Casal só contaba con cinco fotografías, polo que collín a miña parella, á que vestín cun traxe, como modelo, para poder traballar o movemento. A idea era que cando se vise a escultura parecese que está camiñando, non velo como algo estático. Non me atraen nada as obras ríxidas. No caso da serie da que falaba centrada nos pecados capitais, mesturo isto coa abstracción e o surrealismo. Gústame ir traballando distintos estilos nas miñas series.

Tamén teño outras esculturas, bustos, de persoeiros como Néstor Kirchner, presidente da Arxentina entre 2003 e 2007 e que me encargaron despois do seu falecemento; Arturo Jauretche, outro político de grande importancia no país; ou o de José Freinademetz, un santo alemán. Sempre digo que, se tes unha escultura, tes catro obras de arte, unha por cada lado. De feito, na miña casa de vez en cando vou xirando as obras para ir mudando a perspectiva. Xeran distintos ambientes. Outro aspecto que traballo moito nas miñas obras é o tema dos ocos: interésame o xogo cos cóncavos e convexos e como a luz xera novos espazos e novas formas ao atravesalos. É como ver a alma da escultura. Ver o que non se ve do outro lado. Convidar o público a dar unha volta completa. 

—Cales son as súas próximas exposicións?
En setembro estou convidada a un simposio de escultura monumental en mármore en Italia. Xa teño participado noutros en Dinamarca, Suiza ou Finlandia e consisten en que nos xuntamos varias persoas dedicadas a este ámbito e traballemos nas nosas esculturas durante unha ou dúas semanas diante do público. É unha experiencia moi bonita porque vimos de distintos lugares do mundo. A arte unifica as linguas do mundo: aínda que non nos entendamos, vendo a arte doutra persoa e como traballa a obra somos quen de interpretar o que quere transmitir. Sempre aprendo algo destes eventos.

Agora mesmo tamén teño obras expostas en Madrid, O Grove, Vigo e A Coruña. O ano que vén teño fechada unha exposición importante no museo da Once de Madrid. Interésalles moito a miña obra pola cuestión do tacto: eu mesma moitas veces acaricio as obras e creo que son moi lindas con ese propósito en concreto. Tamén me interesa saber que dirán despois as persoas non videntes sobre elas.