Crítica de Cinema: "A grande estafa americana", a opción máis seria para os Óscars

american

Este domingo hai una cita ineludible para os cinéfilos e a maior festa do cine: os Óscars 2014. Así que imos tratar sobre a película que máis nominacións ten de todas. 

Título orixinal: American Hustle
Ano: 2013
Duración: 138 min.
País: Estados Unidos
Director: David O. Russell
Guión: Eric Singer e David O. Russell
Fotografía: Linus Sandgren
Música: Danny Elfman
Reparto: Christian Bale, Amy Adams, Bradley Cooper, Jennifer Lawrence, Jeremy Renner, Michael Peña, Alessandro Nivola, Louis C.K., Jack Huston, Shea Whigham

SINOPSE

Irving (Christian Bale) e Sydney (Amy Adams) son dous estafadores que son pillados polo FBI. Para eludir o cárcere vénse obrigados a traballar para Richie DiMaso (Bradley Cooper), que quer limpar a cidade da corruptela política que promete dar un impulso á Nova Iersei coa creación dun complexo de casinos en Atlantic City na época dos 70. 

CRÍTICA

Este domingo hai una cita ineludible para os cinéfilos e a maior festa do cine: os Óscar 2014. Así que imos tratar sobre a película que máis nominacións ten de todas. Nada menos que 10: película, director, actor e actriz principal, actor e actriz de reparto, guión, montaxe, dirección artística e montaxe. Pero… meréceos? Nin si, nin non.

"A película parece estar prefabricada para os Oscar. Ten unha coidada ambientación, un bo reparto, unha boa banda sonora setenteira e un guión traballado". 

A película parece estar prefabricada para os Oscar. Ten unha coidada ambientación, un bo reparto, unha boa banda sonora setenteira e un guión traballado. Considerando o criterio hollywoodiense iso xa debería ser suficiente para levarse algún premio. A ollos dun humilde servidor direi que a película faise longa de máis e se leva algún, vai ser de consolación, ou polo menos é o que merecería. A historia empeza ben e promete, pero nunca chega a afondar nin nas personaxes nin na trama. Tratar o tema dos ladróns de colo branco (políticos, bárcenas, banqueiros, e demáis), da recesión polo déficit Nixon e da construción de Casinos a base de maletíns, debería dar máis xogo por ser de plena actualidade. Pero parece ser nada máis que unha mera anécdota para conducirnos a un final pretendidamente sorprendete, pero tan preparado que se ve vir de lonxe. Queda un sabor un tanto light ao finalizar. Como que lle falta chicha.

O director David O. Russell, que debe ter moi bos padriños, xa tivera unha boa acollida da crítica coa interesante (sen máis) O lado bo das cousas, que acadou un inmerecido Óscar para Jennifer Lawrence como actriz principal quitándollo a Emmanuelle Riva pola sobrecolledora interpretación de Amour de Michael Haneke. Lawrence repite nominación pero desta volta na categoría de actriz de reparto. Está ben no papel de nai alporizada, ciumenta e posesiva, pero está bastante sobreactuada. A cousa andará seguramente entre Lupita Nyong’o por 12 anos de escravitude e Sally Hawkins por Blue Jasmine. Tamén está un pouco sobreactuado Bradley Cooper, aínda que é pro

bable que o seu papel de axente do FBI que usa bucles para rizar o cabelo pedíralle unha interpretación así. Os estafadores que se aproveitan da desesperación de pobres miñaxoias son Amy Adams, soberbia, e Christian Bale, que nos volve a regalar unha transformación física sorprendente, aínda que menos radical que aquela mítica de The Machinist na que adelgazara case 30 quilos quedando literalmente nos ósos. Aquí Bale está bochudo e calvo, imaxe que acadou inchándose a donuts ata engordar 20 quilos. Excelente transformación e interpretación de home con ansia de éxito, atrapado entre dous mulleres, o FBI, a mafia e a improbable amizade co alcalde, interpretado por un Jeremy Renner con topete. Probable Óscar para Christian Bale aínda que ten grandes competidores este ano. David O. Russell firma un guión orixinal, xunto con Eric Singer, que xoga a ser unha sorte de Scorsese pavero cun punto tarantiniano (ten unha escena de apertura de maleteiro cuspidiña á de Pulp Fiction). Incluso sae Robert De Niro no papel dun calmado e perigoso mafioso.

"Quitando un ou dous momentos algo acertados, a cousa quédase nun Scorsese descafeinado. Sempre a medio gas e sen despegar como debería"

Pero quitando un ou dous momentos algo acertados, a cousa quédase nun Scorsese descafeinado. Sempre a medio gas e sen despegar como debería, nin alcanzar as cotas previstas por tanta boa crítica e tanta nomeación. A película está ben e entretén, pero faise larga e chega un momento que da un pouco igual o que lle pasen ás personaxes. E iso non é nada bo. Hai planos moi ben resoltos que logo quedan estragados por uns innecesarios flash-back explicativos. Pero claro, por aquelas latitudes é necesario explicar todo. En fin… Boa banda sonora, que non compite nesa categoría por escoller música da época: Duke Ellington, Chicago, Thelonious Monk, Frank Sinatra, Tom Jones, Santana, Elton John… and many more! Está bastante ben escollida pero por momentos achégase ao videoclip a cámara lenta. Iso si, ao rematar o filme da gana de comezar a facer limpeza a ritmo do Live and Let Die de Paul McCartney. A pena é que non a podamos ver en versión orixinal nas salas de cinema porque un dos puntos fortes é o acento de Amy Adams, que ademais xoga un papel crucial na trama. Cousa parecida pasa con Her de Spike Jonze, que tamén opta este mesmo ano a Mellor Película, na que a voz en versión orixinal é o punto principal sobre o que se move o filme. E iso, con todos os meus respectos á xente que fai dobraxe e que fai unha labor excelente a maioría das veces, fai que a película perda moito. Moito queda por andar neste tema nas salas galegas, pero iso xa o trataremos outro día con maior profundidade. 10 nominacións para A grande estafa americana parécenme moitas, pero considerando o modo de pensar norteamericano igual non son tantas. O domingo de madrugada saberemos os resultados. Mentres podedes facer as vosas predicións na QUINIELA DOS OSCAR 2014 na páxina de facebook de Crítica de Cinema:
https://www.facebook.com/events/311499048975106/