Crítica de Cinema:"Aprendiz de gigoló"
A quinta película de John Turturro coma director aborda o controvertido tema da prostitución masculina desde un punto de vista irónico e cunha recua de actores e actrices de alto nivel.
Título orixinal: Fading Gigolo
Ano: 2013
Duración: 90 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: John Turturro
Guión: John Turturro
Fotografía: Marco Pontecorvo
Música: Abraham Laboriel e Bill Maxwell
Reparto: John Turturro, Woody Allen, Sharon Stone, Sofía Vergara, Vanessa Paradis, Liev Schreiber, Bob Balaban, Michael Badalucco, Max Casella,
SINOPSE
Fioravante (John Turturro) e Murray (Woody Allen) son dous amigos con graves problemas económicos. A pesar da súas avanzadas idades deciden tentar sorte no negocio da prostitución masculina, Murray coma proxeneta e Fioravante coma gigoló. A comunidade xudía do barrio non verá con bos ollos o inicio desta nova empresa.
CRÍTICA
A quinta película de John Turturro coma director aborda o controvertido tema da prostitución masculina desde un punto de vista irónico e cunha recua de actores e actrices de alto nivel. Para comezar Turturro firma o guión e tamén resérvase o papel principal de gigoló. O seu mentor é Woody Allen, nunha das escasas ocasións que fai só de actor e non dirixe. Para variar fai de si mesmo, cos tics típicos e humor mordaz, e tamén de proxeneta que se encarga de buscar os contactos ao improvisado gigoló.
"Todo acontece moi rápido. Non hai apenas presentación de personaxes e van directamente ao grao. De súpeto xa son proxeneta e gigoló e conseguen mulleres con apenas chiscar os dedos".
A cousa comeza de maneira bastante precipitada. Todo acontece moi rápido. Non hai apenas presentación de personaxes e van directamente ao grao. De súpeto xa son proxeneta e gigoló e conseguen mulleres con apenas chiscar os dedos. As influencias de Allen son notables no filme e por momentos parece un filme do director neoiorquino. Turturro calca planos, diálogos e mete música de jazz. Pero isto só é un espellismo. A música é demasiado intrusiva e non pega case nunca coas imaxes. O guión patina por todos lados e prefiro non falar do fin
"O bo de Turturro máis que xogar a “aprendiz de gigoló” trata de ser “aprendiz de Woody Allen”.
Polo demais destaca a presenza de Sharon Stone (“Instinto Básico”, “Casino”) que se alía con Sofía Vergara (“Modern Family”) para tratar de cumprir a fantasía de facer un trío. Pero cheira máis ben a que Turturro, que non é parvo aínda que o pareza, quixo xuntar a dous sex-symbols de xeracións diferentes (Stone dos 90 e Vergara na actualidade) para cumprir a súa propia fantasía. Por riba saíulle mal. En fin, trátase dunha película pequena e independente que tivo a premier no pasado Festival Internacional de Toronto. É moi probable que non se chegara a proxectar nos cinemas se non fora polo apadriñamento de Allen. O filme saca un par de sorrisos e ten algún momento de xenialidade pero iso é todo. Ao final todo o que puido ser bótao por terra nun dos desenlaces máis desastrosos que vin en moito tempo. O bo de Turturro máis que xogar a “aprendiz de gigoló” trata de ser “aprendiz de Woody Allen”. Quizais fora ese o xogo de palabras que pretendía, pero o certo e que nin coma gigoló nin coma discípulo avantaxado de Woody Allen saca maneiras. Apuntou demasiado alto desta volta, quizais na próxima ocasión John...