Crítica de cinema: "GRU 2", o trunfo da Universal sobre Disney

Gru

Gru deixou atrás a súa vida de malvado para pasar máis tempo cos minions, o Dr. Nefario e criar a Margo, Edith e Agnes. Cando está a piques de adaptarse ao seu novo rol de home de familia, unha organización mundial que loita contra o mal chama a súa porta para que lles axude a atopar a un malvado vilán. Xunto a súa nova compañeira Lucy Wilde, Gru terá que descubrir quén é esta nova personaxe que quere ocupar o seu antigo posto de o home máis malévolo do mundo. 

Título orixinal: Despicable Me 2
Ano: 2013
Duración: 98 min.
País: Estados Unidos
Director: Chris Renaud, Pierre Coffin
Guión: Ken Daurio, Cinco Paul
Música: Heitor Pereira, Pharrell Williams

SINOPSE

Gru deixou atrás a súa vida de malvado para pasar máis tempo cos minions, o Dr. Nefario e criar a Margo, Edith e Agnes. Cando está a piques de adaptarse ao seu novo rol de home de familia, unha organización mundial que loita contra o mal chama a súa porta para que lles axude a atopar a un malvado vilán. Xunto a súa nova compañeira Lucy Wilde, Gru terá que descubrir quén é esta nova personaxe que quere ocupar o seu antigo posto de o home máis malévolo do mundo. 

CRÍTICA

Continuación de “Gru, o meu vilán favorito” dirixida hai tres anos polos mesmos artífices e coa produtora Illumination Entertaiment detrás. Esta compañía, de recente creación, é propiedade de Universal Pictures e supón un sopro de ar fresco no mundo da animación. Ten un proceso de produción único no que non hai un sitio fixo para a creación dun proxecto senón que trata de que persoas de diferentes lugares participen co seu talento e imaxinación creando asociacións en diversas partes do planeta. Nesta secuela, Gru convértese nunha especie de Willy Wonka da marmelada cos minions traballando coma Oompa Loompas, pasando a ser unha especie de James Bond mesturado con superaxente 86 acompañado de Lucy 99 e atravesando todo pola peneira de ter que facer de pai excesivamente protector en plan “Hotel Transylvania” (2012, Genndy Tartakovsky). Gru pasa de ser un canalla listo e perverso a converterse nun pai adoptivo bo e encantador a quen lle queren colar unha noiva. Resístese ata que coñece a Lucy. O cambio pode ser bo para os máis pequenos, pero os adultos botarán algo de menos o vello rol canalla de Gru.

"Non pretende máis que ser un bo divertimento para a familia. Logra o obxectivo de facer rir ós cativos e de sacar un sorriso ós maiores"

A trama é simple e non é necesario ver a primeira parte para entendela, pero compensa esta simplicidade cunha boa animación e situacións bastante graciosas. Os minions seguen aportando ese punto pícaro e desenfadado. Os animadores logran que as súas bromas non resulten repetitivas e agradécese que a súa vis cómica apareza a contagotas. De feito a seguinte película animada da Illumination Entertaiment pon a estes pequenos seres amarelos con forma de polgar de protagonistas nunha especie de spin off que ten previsto ver a luz no 2015. Universal gaña por moito o duelo estival con Disney. “Gru 2” é moito mellor a “Monstros University”. Aínda que tamén é previsible e bastante infantil, é entretida e consegue manter a chispa da primeira parte, cousa que non consegue a de Disney/Pixar. Non pretende máis que ser un bo divertimento para a familia. Logra o obxectivo de facer rir ós cativos e de sacar un sorriso ós maiores.