Crítica de cinema: "O único supervivinte"

.

Catro marines norteamericanos destinados en Afganistán teñen que facer unha incursión en territorio inimigo para matar ao perigoso líder talibán Ahmad Shah. Filme bélico de Peter Berg que ven a cubrir o cota de patriotismo anual do cinema ianqui.

Título orixinal: Lone Survivor
Ano: 2013
Duración: 121 min.
País: Estados Unidos
Director: Peter Berg
Guión: Peter Berg
Fotografía: Tobias A. Schliessler
Música: Steve Jablonsky
Reparto: Mark Wahlberg, Ben Foster, Taylor Kitsch, Emile Hirsch, Eric Bana, Alexander Ludwig, Yousuf Azami, Ali Suliman

SINOPSE

Catro marines norteamericanos destinados en Afganistán teñen que facer unha incurs

ión en territorio inimigo para matar ao perigoso líder talibán Ahmad Shah. A situación da un xiro cando topan cuns pastores de cabras que delatan a súa posición e caen nunha cruenta emboscada.

CRÍTICA

Filme bélico de Peter Berg (“Very Bad Things”, “A sombra do reino”, “Hancock”) que ven a cubrir o cota de patriotismo anual do cinema ianqui. Abórdase a historia de Marcus Luttrell, que fai un cameo, o único supervivinte dun episodio de violencia dos autoproclamados defensores da liberdade en territorio afgán mentres utilizaban a escusa da procura de Bin Laden para descargaren toda a ira vingativa sobre o país e dominar territorios estratéxicos para seguir mantendo o liderado mundial. No que a película se refire, o protagonista é interpretado por Mark Wahlberg, pero non sorprende que destaquen por riba del os tres outros protagonistas do suceso: Ben Foster (inesquecible psicópata-pistoleiro en “O tren das 3:10”), Taylor Kitsch (inesperado heroe espacial da interesante “John Carter”) e Emile Hirsch (de novo moi cómodo no medio de natureza e monte coma en “Into the Wild” ou “Prince Avalanche”) que completan a cuadrilla de marines encargados de matar a un xefe talibán, e que acaban metidos nunha lea que lles supera. No alto mando un Eric Bana que só aporta careto e pose seria.

Recórrese a imaxes de arquivo, tanto no principio, mostrando as durísimas probas que teñen que sufrir os marines, coma no final, cando sacan as imaxes das personaxes reais (para que comparemos se acertaron co casting) e saen os pertinentes rótulos explicativos de “qué foi de”, mentres soa un emotivo “Heroes” de David Bowie (pero cantada por Peter Gabriel).

"É unha película bélica pero ben podería ser un western na que os indios son os talibáns e os vaqueiros os marines americanos"

É unha película bélica pero ben podería ser un western na que os indios son os talibáns e os vaqueiros os marines americanos; e mesmo remata aparecendo o sétimo de cabalería en helicópteros para espantar as hordas de salvaxes. Un punto conciliador entre tanto patriotismo americano é un apuntamento a que non todos os árabes son uns terroristas, máis que nada por si hai algún despistado nos USA que aínda o pensa. Tamén se aborda o antiquísimo código ético Pashtunwali, que data de tempos pre-islámicos, no que é lei a hospitalidade, a xustiza, a lealdade, e sobre todo, a protección que se lle da a unha persoa dos seus inimigos; aínda que estes sexan talibáns. Porén pásase moi tan de puntillas por esa parte que queda como mera anécdota.  Ademais queda eclipsada por un maior interese en subliñar as típicas diferenzas culturais con uns máis que raiantes malentendidos lingüísticos. A sensación final é un tanto decepcionante en canto a isto. Pero de todas formas a película non engana a ninguén xa que a historia está escrita por un marine e, aparte de contar os feitos desde o seu punto de vista, tamén pretende ser unha homenaxe para os seus compañeiros de fatigas mortos en combate, e tamén para o home que lle axudou a sobrevivir, un afgano chamado Mohammed Gulab. Así que se entende ben ese ton tirando a heroico que se cheira no filme. Iso si, ten uns excelentes efectos visuais e maquillaxe.

As escenas de caídas polos barrancos poñen os pelos de punta polo realismo, grazas tamén a un esmerado traballo de edición. A fotografía vai a cargo de Tobias A. Schliessler, habitual de Peter Berg, tratando de ser naturista e transmitir que estamos en Afganistán, aínda que se rodara en Novo México. Funciona como película de acción e se aprecia unha boa dirección que trata de introducirnos dentro dos feitos. Para afeccionados ao cine bélico e a quen guste das historias baseadas nun feito real.