CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Crónicas dun tempo raro

Dicer Asfalto é dicer rock urbano e progresivo con letras sociais. Dicer Asfalto é falar de temas que xa son parte da imprescindíbel da música. Alén de Rocinante, Días de Escuela ou Capitán Trueno¸ hai unha historia que Julio Castejón encárgase de seguir contando e agrandando.

Cando caeu nas miñas mans este novo traballo de Asfalto, viñeron a min lembranzas de días lonxanos que non o parecen tanto até que botas contas. Da aquela época na que, como cantaban Topo, arranxábamos o mundo a golpe de futbolín. Viñeron a min de repente cancións de bandas que tiña agochadas, que  non esquecidas, nalgún lugar da memoria. Tamén viñeron a min nomes, algúns deles pertencentes á lembranza nunha lápida, outros que renegan do que foron, e uns poucos que seguen sendo. 

E que pasa con Asfalto? Son dos que seguirán sendo ou unha reconversión? Asfalto é Castejón e iso debería ser sempre unha garantía. Aínda que o seu traballo anterior deixoume bastante indiferente, este novo traballo, cunha aliñación anovada e unha produción exquisita, volve ás orixes progresivas da banda  a través de 13 temas, nos que achamos algunha que outra sorpresa.  Crónicas de un tiempo raro,  o tema que abre o disco, é tamén aquel que lle dá título. É o máis roqueiro do disco, con algún que outro toque funk, no que reivindican a volta da intelixencia ao poder e critica o uso que se fai da democracia. 

O toque roqueiro non é predominante no disco, como mostra o estilo progresivo e máis pausado de Melani.  Un tema sobre a violencia de xénero que contou coa colaboración de John Helliwell, saxofonista de Supertramp. Un tema que xa coñecéramos como single adianto deste disco e que reflicte o espírito do disco. E nese ámbito segue Nani Albox,  que crea un ambiente triste propio da historia que non é o outro que o esquecemento e a soidade na terceira idade. Era necesario levantar un o ánimo após da tristura que nos deixou o tema anterior e por iso Paradoja retoma a potencia do rock urbano dos 70 cun son actualizado e cun retrouso que engancha.

Tras o subidón que nos deixou Paradoja, o álbum pisa o freo co melancólico 30 años después, no que Castejón reivindica que un sempre é quen foi de novo e o único que pasa é o tempo, mais a persoa permanece. O tema máis lento do álbum é toda unha mostra de filosofía vital aínda que musicalmente resulta excesivamente longo e volve facerche baixar o ánimo a límites insospeitábeis. Por un momento non sabes que banda escoitas, de non ser porque Lluvia de abril volve coa enerxía roqueira que lembra os Asfalto de Cronophonia, un dos temas, xunto con Nani Albox,  que se converten no mellor do disco.

O rock progresivo volve de novo en Déjalo Ser. Igual que con Melani, vese como a banda está cómoda nese rexistro que apunta a ser a evolución definitiva do son Asfalto. A letra fala sobre a educación infantil e de deixar que os nenos sexan eles mesmos. Unha reflexión cun retrouso que namora xunto cuns riffs sinxelos pero que funcionan perfectamente no medio tempo.  Nada  que ver con Abraza la Ocasión,  un tema no que musicalmente deixase levar polo rock sinfónico con toques progresivos. Un dos temas musicalmente máis complexo e longo do plástico, no que fala da crise económica e os damnificados por ela.

Dende logo a Trump non lle gustará La Besti¸ no que Castejón fala dos mexicanos que tratan de cruzar a fronteira. Deste tema cabe destacar os espectaculares arranxos para metais, a cabalo entre o jazz rock  e o latin jazz, tan deliciosos como estraños no estilo da banda. E con toques de jazz rock  dentro do rock progresivo, preséntase El Novelista. Máis de 7 minutos de no que canta ao creador de historias e o seu proceso creativo.  Unha suite que ven podería ser gravada no 83 e acompañar a temas comoTiempo Gris.

Encetamos a recta final no disco con 15 rosas negras, dedicados aos 15 inmigrantes asasinados pola Garda Civil na praia do Tarajal. Un letra dramática e dura envolta dunha musicalidade que crea ambiente co ritmo lento e os fermosos debuxos das guitarras. A espiritualidade é o tema central de  Los Pies de Buda. Un slow rock setenteiro no que pon de manifesto o pensamento e espiritualidade ao marxe das relixións. Un tema de transición para chegar ao peche con Eres Esencial, onde retoman o rock máis optimista xunto unha letra na que lembra que valemos máis do que moitas veces pensamos.

Tras escoitar este disco, fica claro que Asfalto está máis vivo que nunca e sabe adaptarse aos novos tempos sen perder a esencia do que sempre foi. Volver a vista atrás e ver que seguemos a ser quen fomos, sen medos, sen hipocrisías, se aceitar o que ditan como normal e politicamente correcto para cada idade é mostra de que a vida é vivida de xeito correcto. Ese é o mellor xeito de escoitar este disco, porque, como din Asfalto: “Es especial, perfecta e total. Nada que mudar”.

 

 

ASFALTO NAS REDES:

WEB: http://www.grupoasfalto.com

FACEBOOK: https://www.facebook.com/grupoasfalto/

TWITTER: @juliocastejon01

 

LISTAXE DE TEMAS

 

1.-Crónica de un tiempo raro   

2.-Melani   

3.-Nani Albox  

4.-Paradoja   

5.-Treinta años despues   

6.-Lluvia de abril   

7.-Dejalo ser   

8.-Abraza la ocasión   

9.-La bestia   

10.-Novelista   

11.-15 rosas negras   

12.-Los pies de buda   

13.-Eres esencia