A cultura celta volve a Narón

A "comunidade castrexa" busca a festa de xullo.

A parroquia de Sedes, en Narón (Ferrolterra), leva vinte e catro anos volvendo ao pasado cada mes de xullo e este ano non podía ser menos. Desde hoxe e até o domingo, o lugar e as súas xentes transfórmase e nace da nada unha campa castrexa que será o centro das actividades do Oenach Atlántico (lugar de encontro da comunidade, en lingua indoeuropea), unha festa que ten a consideración de ser de Interese Turístico da Galiza. 

Quen se achegue esta edición poderá vivir, o primeiro día, o tradicional acendido dos lumes e un concerto de música galiciana con Óscar Ibáñez & Tribo. A programación continuará mañá coa apertura de novo da campa castrexa e a posibilidade de ter aberta e visitar a mostra de artesanía en vivo ademais doutras actividades lúdicas indicadas para crianzas e maiores. Entre elas está o momento da gastronomía e dos xogos populares que estarán acompañados pola música tradicional de Alxibeira, que virá disposto a facer foliada. Logo, cando marche o sol, será o momento da  "Noite do castro", unha actividade na que o teatro é protagonista. Nesta edición, a obra prevista é Vida, de Laura Aneiros, a cargo da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. 

O domingo, último día do Oenach Atlántico, retomarase a actividade na campa cunha mostra de can de palleiro e a recreación da obra Agripa, de Juan Miguel Padín. Despois, momento para a gastronomía e, pola tarde, concerto con Café Dorothé. Para o remate, a organización ten previsto realizar unha parada etnográfica da música tradicional, a cargo da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e fechar cun concerto de Comando Curuxás.