A cultura galega enche Outeiro de Rei para homenaxear a Manuel María

A banda Sons e Soños actuando na carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei durante o encontro da cultura galega convocado pola Casa-Museo Manuel María e a federación de asociacións culturais Galiza Cultura. (Foto: Nós Diario).

Manuel María é un dos meirandes escritores galegos da segunda metade do século XX. A cultura galega enche este sábado a súa localidade natal de Outeiro de Rei, na comarca da Terra Cha, para renderlle homenaxe e reclamar a actualidade da súa obra literaria e do seu compromiso coa Galiza.

 

A cultura galega volveuse reunir no seu encontro anual en Outeiro de Rei. A cita, convocada máis unha vez pola Casa-Museo Manuel María e a federación de asociacións culturais Galiza Cultura, tivo nesta edición un carácter especial por coincidir co vinte aniversario do falecemento de Manuel María.

O presidente da Casa-Museo Manuel María, Alberte Ansede, sinalou a Nós Diario que “o feito de que se vaian cumprir 20 anos da morte de Manuel María o próximo 8 de setembro tráenos este ano lembranzas especiais”

Ansede apuntou que “sempre recordamos a Manuel María mais non con nostalxia, senón lembrando a súa actualidade como unha persoa presente. Presente nas escolas galegas, nos fogares de moitos galegos e galegas, nos recitais de poesía, no teatro e por suposto na música”.

Os actos do convivio da cultura galega arrancaron ás 11:15 no auditorio da Casa-Museo Manuel María cunha actuación da coral compostelá Solfa. A continuación, os asistentes desprazáronse ao cemiterio de Outeiro de Rei para render unha homenaxe a Manuel María e á súa compañeira Saleta Goi, onde interveu o escritor e colaborador de Nós Diario Xosé Lois García, persoa moi unida á parella.

A festa discorre a partir das 12:30 na carballeira de Santa Isabel, un dos espazos máis presentes na obra literaria do xenial escritor galego. Alí, a banda Sons e Soños, formada por músicos xuvenís de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, estreou un peza para a ocasión titulada Terra Chá, composta por Carlos Seráns sobre un texto de Manuel María. Sons e Soños estivo acompaña na súa actuación pola soprano e profesora de canto Tabea Graser.

A festa continua pola tarde cunha foliada conducida por Xurxo Souto con actuacións de música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán paso posteriormente ao grupo Os Carunchos, que este domingo presentan espectáculo no Festival de Ortigueira.

Encontro de asociacións

A federación Galiza Cultura reuniu coincidindo co encontro máis de 30 entidades culturais na Casa-Museo Manuel María para analizar a situación do tecido asociativo e definir novas liñas de actuación para o vindeiro ano.

O presidente da Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, indicou a Nós Diario que os colectivos integrados na federación van continuar co súa “aposta por un cultura de base galega, que necesariamente ten que ser de participación popular”.

Xosé Manuel Carril avanzou que “imos seguir movrndo por todo o país a exposición de Xaquín Marín e imos repetir a lectura pública de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Daniel Castelao para 31 de outubro e o 20 de decembro organizaremos un xornada canto do himno galego en todo o país.

Carril indicou que a federación de asociacións culturais galegas prepara a posta en escena da obra teatral de Manuel María  Auto do simulados da caravilla.