A cultura mariñeira ten unha cita na Recalada de Arcade

O 'Anguleiro', unha das embarcacións que participan na Recalada.
Un encontro de embarcacións tradicionais será o epicentro da xornada.

Este sábado, 17 de agosto, na zona do Peirao de Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo), desenvolverase primeira edición de A Recalada, un encontro da cultura mariñeira cuxo obxectivo é destacar o patrimonio marítimo galego, facendo fincapé na relación que teñen Arcade e Soutomaior co mar. O alcalde da vila, Manuel Lourenzo, explica a Nós Diario que a idea xurdiu "cando nos decatamos de que o mar é un sector produtivo estratéxico, posibelmente o principal desde o punto de vista económico.  Botabamos en falta que houbese unha posta en valor con todo o que ten que ver coa cultura marítima. E nese contexto decidimos crear A Recalada -cuxo nome vén dun poema de Manuel Antonio-, que vai ter como centro o encontro de embarcacións marítimas que organizamos en colaboración con Culturmar e na que participará unha quincena de barcos".

O rexedor destaca como un momento que terá unha carga particularmente emotiva a izada de velas, "un espectáculo que pon de manifesto a beleza de todo o que ten que ver co noso mar e que estará amenizada polas agrupacións musicais Aghoaneiros e Abeleiras de Alxán".

Ademais, A Recalada tamén organizará unha navegación a bordo do balandro Santa Cruz, na que se poderán degustar produtos da zona; paseos en caiac; un curso de iniciación á vela lixeira; ou visitas guiadas ás embarcacións tradicionais.

"A intención é que o mar de Arcade -toda a paisaxe constituída pola desembocadura do río Verdugo, as illas Alvedosas e a de San Simón, a enseada, que fai parte da Rede Natura...- se converta nun reflexo desa tradición que marca un modo de vida que se pode visualizar a través da gastronomía ou a través do desenvolvemento das artes de pesca e dos oficios do mar, e que chega até os nosos días e fai parte da nosa tradición e da nosa historia", afirma o alcalde.

Desde terra

Tamén desde terra se poderá gozar da Recalada, desde o Navy Bar -outro nome tomado de Manuel Antonio-, unha taberna tradicional que reproduce o ambiente mariñeiro doutras épocas; na feira de artesanía; nun mercado de produtos tradicionais relacionados co mar e que participan dun proxecto de ecosostibilidade; ou cos concertos mareiros que darán Son das Tabernas e Falperrys para fechar a xornada.